O Pura e Dora Vázquez trasladouse por primeira vez a un colexio

La Voz OURENSE / LA VOZ

O PEREIRO DE AGUIAR

Miguel Villar

O escritor Antonio Yáñez Casal, pola obra «Do meu nome e outras trapalladas», e a ilustradora María Díaz Serantes recibiron o galardón

23 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O acto central da entrega dos premios Pura e Dora Vázquez de narración e ilustración infantil e xuvenil celebrouse onte por primeira vez nun centro escolar. Desprazou a Deputación de Ourense a cerimonia do salón de plenos da entidade provincial ao colexio Ben Cho Shey de Pereiro de Aguiar. O escritor Antonio Yáñez Casal, pola obra Do meu nome e outras trapalladas, e a ilustradora María Díaz Serantes recibiron o galardón nun acto que contou coa presenza de máis de 200 alumnos do colexio, directivos do centro, profesores e representantes institucionais.

Miguel Villar

O autor e a ilustradora recibiron un diploma acreditativo e un premio dotado con 1.500 euros, en cada unha das súas modalidades. Trátase dunha distinción das máis importantes e de maior traxectoria en Galicia nas letras e na ilustración destinada ao ámbito da infancia e a mocidade. O escritor Antonio Yáñez agradeceu o premio ao xurado e á Deputación de Ourense: «Por concederme un premio literario de referencia no país e por seguir defendendo a literatura en galego, da cal cada exemplar que se edita é un tesouro». María Díaz, pola súa parte, destacou do proceso creativo das ilustracións «a plena liberdade que sentín ao deseñar as personaxes, coa idea de que nos mirasen desde o papel, nunha realidade, a súa, moi parecida á nosa». O xurado destacou da obra galardoada «a súa adaptación aos tempos que corren, na que o autor fai unha reflexión crítica sobre a familia, os amigos e a escola. Trátase trata dun texto cunha linguaxe directa e crítica. Unha obra de lectura sinxela, que ten gran potencialidade para achegarse ao público mozo e gañar lectores dentro desa franxa de idade, pois reflicte ben o mundo que nos rodea». En canto ás ilustracións de María Díaz, destacaron que «denotan un profundo traballo de debuxo e transmiten a sensación de que detrás delas hai unha artista con destacada orixinalidade».

O presidente da Deputación, José Manuel Baltar, destacou a importancia deste evento «que une infancia e cultura para que a literatura e os nenos sexan un ano máis os protagonistas deste galardón».