«Son optimista de cara ao verán, imos ter moita xente en Ourense e Galicia»

xosé manoel rodríguez OURENSE / LA VOZ

O IRIXO

Santi M. Amil

Ángel González Otero, do Hotel Irixo, mantén vivo o legado do proxecto que comezaron os seus pais

04 jun 2020 . Actualizado a las 11:57 h.

Esta historia do 2020 comezou a se escribir nas terras de O Irixo -a finais da década dos anos 30 do pasado século- e do mesmo pobo mantén o nome como esencia e sinal de identidade. Do territorio deitado entre O Carballiño e Lalín, lindeiro con moitos outros municipios da comarca e gardado polos montes do Testeiro e máis a Serra do Faro, saíron Ángel e Sira camiño de Ourense e no corazón da cidade abriron un bar que servía de bandeira e reivindicación das súas orixes: O Irixo. Oitenta anos despois, na mesma casa que mira á praza do Eironciño dos Cabaleiros, o edificio no que naceu Ángel González Otero en 1949 mantense reivindicando as súas orixes vedrañas coa lenda que dá conta da súa actividade: Hotel Irixo.

Formado nos Maristas e logo como enxeñeiro técnico agrícola, traballou para a famosa empresa Unión Explosivos Río Tinto un par de anos. Volveu para Ourense e deulle continuidade ao espírito emprendedor que sempre admirou e salienta dos seus pais. «Dediqueime á construción, tiven unha gasolineira no Alto do Padornelo, estiven na Cámara de Comercio e mesmo fun directivo de Club Deportivo Ourense na época de Bermello. Tamén estiven noutros proxectos e iniciativas», lembra Ángel González Otero. E, sempre, vencellado ao negocio familiar: «Cando me dedicaba á construción, non sabería calcular pero fixemos máis ou menos unhas mil vivendas na cidade, saía do traballo e viña atender o negocio».

O bar orixinario, no baixo do edificio que dende hai uns días ocupa O Lar da Sabela, rematou contando con hostal no mesmo inmoble e hai dez anos que se reformou para acoller ao actual Hotel Irixo. E polo camiño a familia mercou outro espazo emblemático, o restaurante Monterrei -que mantén o histórico nome e está alugado-.

Ángel González lembra aquel tempo que está marcado na cidade cos nomes coñecidos: «Aquí nesta zona estabamos O Irixo, Pingallo, Monterrei, Sanmiguel, Carroleiro, O Tucho... e había para todos. E en Ourense había daquela sete cafés cantantes. Do Café Miño saía o carrito -autobús- para ir ao fútbol e de dúas a catro da tarde vendían unha caixa de coñac, que é moito vender!».

O hotel da rúa Irmáns Villar leva acollido a moitos coñecidos ao longo destes anos, dende xente que chega á cidade para actuar nas sesións de jazz do Latino a artistas que pasan por Ourense coas súas obras ou os seus espectáculos. E mesmo durante uns anos foi a vivenda do pintor Julio Tizón. Da súa dilatada experiencia tira un perfil rápido Ángel González Otero: «Temos moita xente de fin de semana -de Portugal achéganse moitas persoas-, os que acoden ás termas, peregrinos, despedidas de solteiros... de todo. O que baixou moito é o sector de axentes comerciais, porque agora se xestiona moito por Internet. O noso segredo? Ter un hotel dunha estrela con servizos dun de maior categoría. É dicir, ofrecemos prestacións de gama alta pero con prezo baixo».

Dende a súa faceta como emprendedor e hoteleiro refírese á perda de Caixa Ourense e á marcha de Fenosa de Galicia como dous factores que incidiron de forma negativa na economía da cidade.

Sen actividade por mor da pandemia do coronavirus e con cinco empregados -«todo gastos e cero ingresos»-, mira o escenario dende unha visión positiva. «Son optimista de cara ao verán, imos ter moita xente en Ourense e en Galicia. Hai demanda de gastronomía, paisaxes naturais, tranquilidade, praias... e a nós iso vainos beneficiar».

A realidade mudou moito nestes anos. A competencia vén agora dende os pisos turísticos -«unha actividade desleal, porque non lle esixen como o fan cos hoteis»- e no caso do casco histórico agora hai locais a esgalla: «Manteranse os que se especialicen e os que sexan os mellores na atención ao cliente».

Quen é. Traxectoria. O seu espazo.

Quen é. Ángel González Otero naceu en 1949 no edificio familiar da rúa Irmáns Villar que ocupa o Hotel Irixo.

 Traxectoria. Aínda que se formou como enxeñeiro técnico agrícola centrou a súa actividade profesional en sectores como a construción, suministros e hostalería, entre outros. Defínese como un emprendedor e é propietario do Hotel Irixo.

O seu espazo. O edificio familiar e a praza do Eironciño dos Cabaleiros, o seu patio de xogos e a zona monumental á que está vencellada a súa vida.

Das lembranzas dos clientes do Volter aos erros da promoción termal

Na contorna do Irixo estaban os locais de referencia no Ourense da segunda metade do século XX. Entre eles o bar do Tucho, coñecido popularmente como o Volter. «Marcou unha época e a presenza de Risco, Otero Pedrayo, Os artistiñas e moitas outras figuras déronlle un prestixio e un gran recoñecemento á cidade».

 Ángel González non racha o seu falar pausado cando se amosa crítico. Considera que os gobernantes «non saben crear riqueza, como tampouco o fixo o PP, porque non son traballadores ou emprendedores e non son quen de pensar nesa clave. Hai que axudar máis ás persoas e aos autónomos. Estámonos xogando o futuro e se non hai consumo para todo». Tamén considera máis que mellorable o que se está a facer na cidade: «Ourense teno todo, pero non o saben divulgar ou facer chegar a mensaxe a onde interesa. É como o do termalismo. De que capital termal falamos se non temos nin un balneario e tiramos a auga ao Miño?».