O Irixo renderá homenaxe o sábado ao historiador Elixio Villaverde García

La Voz OURENSE / LA VOZ

O IRIXO

Santi M. Amil

Unha placa lembrará ao investigador na casa onde naceu

04 abr 2019 . Actualizado a las 08:25 h.

Elixio Villaverde García (A Ponte, O Irixo, 1954 - Compostela, 2018) foi historiador e investigador. E, por riba de todo, un dinamizador cultural e unha persoa implicada en movementos sociais e proxectos a prol da reivindicación da cultura galega e da memoria histórica. Profesor de Historia no ensino secundario, comezou a súa carreira profesional como docente no IES AS Lagoas, pasando logo polos institutos de O Barco de Valdeorras, Cedeira, A Sardiñeira (A Coruña), Pobra do Caramiñal e Teo, onde se xubilou en setembro do 2014.

Vencellado sempre ao Concello do Irixo, onde seu pai era alcalde cando el naceu e onde o seu irmán Cesáreo foi portavoz do PSOE durante anos, promoveu publicacións sobre o municipio, redactou as voces de «O Irixo» e «Parada de Labiote» da Gran Enciclopedia Galega, foi un dos organizadores da convocatoria do Premio Blanco Amor de Novela cando se celebrou no Irixo (1985) e promoveu moitas actividades desde a sociedade cultural O Testeiro, ademais de ser o deseñador do actual escudo do municipio.

Autor dun traballo de investigación sobre as cadeas migratorias entre Galicia e México -Pioneiros na corrente do Golfo (Xerais)- e gañou o Premio Risco de Ciencias Sociais coa obra Galegos en México (1878-1936).

 

 

O Concello do Irixo nomeou a Villaverde García «fillo predilecto» do municipio a título póstumo e o sábado será obxecto dunha homenaxe no pobo. Ás 12.00 horas comezará o acto institucional na súa memoria no salón de plenos da casa consistorial e logo do mesmo haberá a descuberta dunha placa na casa familiar onde naceu e viviu o historiador e investigador. Para rematar haberá «un pequeno ágape e música tradicional».

A homenaxe a Elixio Villaverde García está promovida polo Concello do Irixo e a Asociación Cultural Arracada, da que era socio o profesor.