A biblioteca de O Irixo leva ano e medio agardando por quen a atenda

xosé manoel rodríguez OURENSE / LA VOZ

O IRIXO

O PSOE pediu que se protexera o fondo, que leva un ano ao sol.
O PSOE pediu que se protexera o fondo, que leva un ano ao sol.

O Concello acorda abrir de forma provisional e convocar a praza para ocupar o posto da traballadora xubilada

30 sep 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

A situación dos pequenos concellos non deixa lugar a moitas alegrías en materia de contratación de persoal. E, por veces, unha xubilación remata por convertirse nun feito determinante e case que definitivo para deixar sen actividade un servizo ou un proxecto. É o caso da Biblioteca Municipal de O Irixo. Unha breve nota da porta da biblioteca advirte: «Dende hoxe, 24 de marzo, ata o 1 de abril, polas vacacións miñas, a biblioteca estará pechada. Para calquera información, diríxanse ao Concello». O 24 de marzo foi o do pasado ano, e dende a primavera do 2014 as instalacións da biblioteca non volveron abrir as súas portas. Unha situación que ademais conta cun aspecto que engade un perxuizo maior ao servizo: moito do seu fondo bibliográfico está amoreado xunto ás fiestras do edificio e o sol leva todo este tempo provocando o deterioro do material.

A situación na que se atopa a Biblioteca de O Irixo, pechada dende a xubilación da súa responsable, chegou ao pleno celebrado este luns da man dos socialistas e do seu portavoz, Iago Fariñas, que presentou unha mocións instando ao grupo de goberno a que puxese remedio de forma urxente ao deterioro dos fondos gardandoos nun espazo onde non estean expostos ao sol. Ademais acordouse, coa unanimidade de todos os grupos, valorar a reapertura do servizo de forma provisional -encargándose da tarefa a persoa que abre e pecha a instalación deportiva que se atopa á beira da biblioteca- e dotar ás dependencias de persoal propio para reabrir as instalacións ao público de forma regular e dinamizar a Biblioteca Pública de O Irixo.

O Concello destinou no seu día 40.000 euros a acondicionar unha zona do edificio do colexio público para acoller dependencias municipais. Neste lugar é onde se atopa a biblioteca e para os socialistas esa ubicación debería ser un valor engadido para dinamizar o servizo con propostas para os escolares e, a maiores, actividades de dinamización e programación cultural para o público en xeral.

Logo dun ano e medio pechada ao público, a biblioteca de O Irixo volverá á vida.