O sacerdote morreu aos 92 anos no Irixo
26 jul 2024 . Actualizado a las 19:40 h.Aos 92 anos finaba unha das figuras carismáticas da comarca do Carballiño e todo un exemplo na defensa no rural galego. Antonio González Bernárdez, popularmente coñecido pola súa faceta de crego de Loureiro (O Irixo), foi toda unha institución. Formado de novo no movemento que apostaba pola implicación dos cregos coa sociedade na que lles correspondía exercer, el puxo en práctica o seu compromiso creando a Cooperativa Santa Mariña de Loureiro, un proxecto que foi pioneiro no seu día no sector lácteo e que aínda se mantén activo na actualidade. Implicado sempre na reivindicación de melloras para a parroquia, promoveu a chegada da luz eléctrica, exerceu de mestre ensinando aos seus fregueses e de profesor de Relixión no IES nº 1 do Carballiño. En maio do 2023 foi obxecto dunha homenaxe por parte do Instituto de Estudos Carballiñeses.