Primeiro desprazamento do matadoiro itinerante a Deza

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

O CARBALLIÑO

cedida

Sacrificará cabritos de Isaías e Miguel Medela, en Vilatuxe

08 feb 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Os produtores de ovellas, cabras e porcos teñen a obriga de ir a matadoiros para sacrificar as reses das súas explotacións que, en moitos casos, operan a varios quilómetros das granxas.

Este é o caso de Isaías e Miguel Medela, criadores de cabras da parroquia lalinense de Vilatuxe, que tiñan que acudir ao matadoiro de O Carballiño; que dista 26 quilómetros do seu domicilio, cos seus animais para sacrificalos e que acaban de apostar polo modelo posto en marcha pola Consellería de Medio Rural. O matadoiro itinerante, que ten a súa base nunha nave do polígono de Os Acivros en Chantada, desprazarase á explotación da familia Medela este venres para proceder ao sacrificio dunha decena de animais. «Penso que é a primeira vez que o matadoiro estará pola comarca», explica Miguel. O camión, provisto de salas de sacrificio e de frío, chegará sobre as 9.30 da mañá, «e instalarase moi preto das cortes dos animais, a tan só un par de metros polo que suporá menos estres para os animais e maior comodidade para nós».

As vantaxes do matadoiro itinerante, cuxa presentación se realizou no pasado mes de novembro, son varias segundo o criador lalinense, «non temos que realizar un desprazamento ata O Carballiño, gañamos pois en comodidade e tamén en gastos aínda que pagamos 10 euros por cada cabrito que se sacrifica, o mesmo que no matadoiro tradicional, aforramos as viaxes». Lembra Miguel Medela que para levar os animais ao matadoiro convencional é preciso facelo en remolques para animais vivos e traelos, tras o sacrifico, en isotérmico «o que supón un gasto engadido polo que esta iniciativa da Xunta paréceme moi interesante e ventaxosa para os que nos dedicamos á cría de cabras, ovellas ou porcos», apunta. A parte negativa desta iniciativa implantada recentemente en Galicia, e que funciona noutras comunidades, é a excesiva burocracia que conleva solicitar unha cita, argumenta Medela. «Hai que pagar as taxas antes de que veña o camión, ter a guía, a carta verde... xa podían simplificar o papeleo que como din as organizacións agrarias que pecharon unha táboa reivindicativa, que me parece moi xusta, a burocracia está a asfixiarnos».