Sander Ulloa: «Cando escoitei a Bobby Martínez no Carballiño quedei sorprendido»

xosé manoel rodríguez OURENSE / LA VOZ

O CARBALLIÑO

Santi M. Amil

O músico forma parte da banda considerada a máis fiel ao grupo de Mark Knopfler

11 abr 2022 . Actualizado a las 10:53 h.

«Como todos os pais, os meus decidiron que me debían meter nalgunha actividade. O fútbol estaba claro que non era o meu, e rematei asistindo ao Conservatorio», lembra Sander Ulloa Sieiro cando se lle pregunta pola orixe da súa profesión e a súa paixón pola música. Centrado no proxecto da banda tributo a Dire Straits, responsabilidade que o leva por unha manchea de escenarios xunto aos outros oito músicos que compoñen a formación e os técnicos, aproveita sempre que pode para gozar da súa gran paixón: o jazz. Hai un par de semanas actuaba no Café Latino xunto ao Alfonso Medela Trío e precisamente o seu anfitrión, o pianista carballiñés, e o seu compañeiro Xosé Miguélez tiveron moito que ver na carreira do que hoxendía é o saxofonista da Brothers in Band.

Logo dun par de anos de preparatorio chegou o momento de escoller instrumento. A Sander Ulloa sempre lle chamou a batería, aínda que no último momento decantouse polo saxofón. Lémbrase de cativo «con 10, 11, 12 ou 13 anos, sempre con xente maior. Quedabamos para tocar, compoñer e facer cousas diferentes, todo relacionado coa música». Durante os seus anos no Conservatorio do Carballiño foi decisivo o papel de Alfonso Medela, profesor de piano e doutras materias no centro de ensino da vila, para «abrirme os ollos e ensinarme que existían outros tipos de música para o saxo e un mundo moi amplo onde poder facer cousas». Medela tamén tivo moito que ver, aínda que fose de forma indirecta, no camiño escollido logo polo músico carballiñés.

O pianista organizaba concertos semanais na vila, no Don Paco: «Unha vez meu pai propúxome ir ver a actuación e pareceume boa idea. Tiña 14 anos e ao escoitar a Bobby Martínez quedei sorprendido. Non estaba acostumado a ese son e aquilo abriume as portas dun mundo descoñecido». E logo chegou o saxofonista Xosé Miguélez, habitual nas sesións de Medela, para se converter no seu ídolo: «Para min chegou a ser unha figura moi importante, ía ás clases que impartía antes dos concertos e aprendín moito do saxo grazas a el».

Mais non todo era música. Ou si. Sander Ulloa compaxinaba o Conservatorio cos estudos no IES nº 1 do Carballiño. Alí fixo teatro, gañaron un premio na convocatoria Tíralle da lingua da Xunta —a aposta pasou por facelo en verso— e como queira que desaparecía o coro do instituto botou dous anos dirixíndoo nunha etapa na que se fixeron cargo do mesmo os alumnos.

 O jazz, a música moderna e a improvisación eran o seu, e decidiu apostar polo Conservatorio da Coruña. E aí volveron a xogar un papel decisivo Medela e Miguélez, que se implicaron para que Sander Ulloa chegase co nivel necesario para acceder ao centro. Do seu paso polo mesmo destaca de maneira especial o traballo que levou a cabo co profesor Roberto Somoza, que co paso do tempo foi o «culpable» de que rematase na banda tributo a Dire Straits.

«Miguel Queixas, o batería do grupo, púxose en contacto con Somoza para dicirlle se sabía dalguén para cubrir a baixa do saxofonista de Brothers in Band. E así foi como rematei no proxecto. Comecei no verán do 2020 e aínda que daquela baixou moito a actividade pola pandemia só podo dicir que é unha satisfacción estar nunha banda como esta». O grupo está considerado a mellor formación de tributo a Dire Straits —nalgunha documentación ata se sinala que foron felicitados por membros do grupo liderado por Mark Knopfler— e reproduce o mesmo esquema: nove músicos con Angelo Fumarola como líder. Na actualidade xiran con tres espectáculos e en maio, o día 6, estarán en Vigo con On Every Street Tribute Tour, que reproduce a última xira de Dire Straits.

 «É un proxecto diferente, moi bo, e por iso teñen ese recoñecemento. Non é un espectáculo de tributo ao uso ou como os que estamos acostumados a ver. Das pezas temos varias versións e, só por poñer un exemplo, de Romeo e Xulieta —no que teño un só de saxo tenor— nuns casos é a versión do ano 1986 e noutros a de 1992. A veces hai tres propostas, e tes que estar preparado para facer a que corresponde a cada sesión, coas mesmas variacións e notas que se fixo no seu día. Iso, esa actitude e fidelidade, é algo que fai á Brothers in Band distinta e especial no que ao panorama das bandas tributo se refire».

«Tocar no Latino, escenario por onde pasaron os mellores do mundo, é especial»

Lémbrase Sander Ulloa traballando arreo para conseguir o seu obxectivo e vese no Conservatorio da Coruña pasando horas e horas. «Cheguei un pouco nervioso e vin que había moito nivel. Botei dous anos estudando e tocando o saxo sen parar: entraba ás oito da mañá e marchaba ás dez da noite para casa. Só paraba para xantar». Aínda que a súa paixón é o jazz, e entre os seus ídolos destaca Scott Hamilton, ten participado noutros proxectos: mantén a formación Os Tres Galeguiños, estivo varios anos na charanga CLK e mesmo tocou en directo no programa da TVG Malo será.

 No escenario do Café Latino estivo en dúas ocasións, 2019 e 2022, e considera eses concertos como momentos de grandes experiencias: «Tocar no Café Latino, escenario por onde pasaron os mellores do mundo, é especial e sentes algo diferente. Só verte alí enriba, coas imaxes dos que actuaron onde ti estás nese momento —que son do primeiro nivel mundial— é unha sensación única e irrepetible».

Seguirá de bolos Sander Ulloa e nesas viaxes lembrará a que ten pendente. «Quero volver a Ámsterdam. Non fun desde que nos viñemos e quero coñecela».

DNI. Profesión.

DNI. Sander Ulloa Sieiro naceu en Ámsterdam, Países Baixos, no ano 1999. Retornou cos seus pais ao Carballiño aos seis anos.

Profesión. Músico. Forma parte da Brothers in Band e participa en proxectos como os de Os Tres Galeguiños e en concertos con grupos como o Alfonso Medela Trío.