O Carballiño publica unha edición facsímile con dúas das obras de Xosé Fariña Jamardo, ex secretario do Concello

La Voz

O CARBALLIÑO

cedida

O volume coas novelas «A feira» e «A liña. Carballiño-Ribadavia, trinta e oito minutos» será repartido de forma gratuíta

05 ene 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Xosé Fariña Jamardo (Caldas de Reis, 1919 - Madrid, 2008) tivo unha ampla carreira profesional na administración e na empresa privada. Vencellado á actividade municipal pasou por concellos de Galicia e do resto do Estado, editou varias publicacións de referencia en relación á administración local e aos municipios de Galicia —algunha delas recoñecida co premio Antón Losada Diéguez—, traballo un tempo nos proxectos de Barreiros Diésel e Chrysler España, foi Oficial Maior do Parlamento de Galicia e autor dun bo número de obras literarias, de xeito destacado novelas e poesía.

No Carballiño a pegada de Fariña Jamardo foi decisiva na vida municipal, social e cultural da vila, onde exerceu como secretario do Concello entre os anos 1949 e 1959. Iniciativas como os encontros Tasca e Literatura, a primeira guía turística da vila ou o valioso Boletín de Información Municipal forman parte da historia do Carballiño. Como o son dúas obras nas que a vila e as súas xentes son protagonistas: «A feira» (1981) e «A liña. Carballiño-Ribadavia, trinta e oito minutos» (1980).

Coincidindo co corenta aniversario da edición da primeira das obras, o Concello promoveu unha edición facsímile das dúas novelas. A publicación leva un limiar de Xosé Luis Sobrado, do Centro de Estudos Chamoso Lamas.

Na presentación do volume, do que se editaron mil exemplares de distribución gratuíta, Francisco Fumega destacou a implicación que tivo Fariña Jamardo coa vila e coa cultura do Carballiño. Sobrado Pérez incidiu na valiosa contribución historiográfica do Boletín.