Polo con cachelos

O CARBALLIÑO

ALBERTO LÓPEZ

25 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Teño familia política holandesa que pon reparo para comer polbo en calquera das súas modalidades. Non é costume alí meterlle o dente a un animal tan xelatinoso e con esas ventosas circulares que semellan chucharche a alma. Nunca afondei no tema, como tampouco ousei dicirlles que na Limia comemos as ras, un prato aínda máis viscoso se cabe que o polbo. Talvez ese noxo que lles provoca inxerir un octópodo tan gorentoso para nós teña que ver con esa suposta intelixencia que aproximaría o animal á especie humana e debería erguer en nós a difícil reflexión de se comelo ou protexelo. Certamente, en Galicia o debate viraría en casus belli, como adoita acontecer ás veces coas disputas etimolóxicas de se teriamos que abrir a man no galego para incorporar a palabra castelá pulpo coma un nome natural. Lembro a iniciativa dun alcalde do Carballiño para que a Real Academia Galega introducise o termo no dicionario, algo que, por sentido común, non prosperou, pero que deixou aí un problema que, polos múltiples atrancos do galego para se asentar no país, segue a provocar situacións estrañas que eu tampouco sabería explicarlle á familia holandesa. Como, por exemplo, o que aconteceu esta semana a unha compañeira que pediu polbo con cachelos e acabaron por traerlle un zanco de polo con media ducia de cachelos. Pode parecer absurdo, pero aquí ben sabemos que non o é cando hai algún restaurante na Coruña que, para se afastar aínda máis de calquera connotación galega, ofrece na súa carta «Pulpo a la romería». Se cadra, a solución intermedia para aproximar as linguas estea na palabra que defendía o meu sogro e que, aínda fóra dos dicionarios, seica se dicía na súa aldea de nacenza: pulbo. Con todo, o maior problema nin está na intelixencia do animal nin no seu nome. Está en nós.