Pardo Bazán, Otero Pedrayo, Nós, «A Esmorga», Casares e Curros teñen os seus roteiros
13 jun 2021 . Actualizado a las 10:06 h.A provincia de Ourense reivindícase con forza como escenario para as rutas de sendeirismo. Tamén hai, cada vez máis dun tempo a esta parte, roteiros literarios asociados a un autor, movemento ou marcados polo carácter orixinario como punto de referencia.
Reivindicando a Pardo Bazán
A última proposta en incorporarse ás excursións literarias pola provincia chegou da man dunha autora que está a ser reivindicada neste ano no que se está a celebrar o centenario do seu pasamento. Emilia Pardo Bazán mantivo durante uns anos unha estreita relación co Carballiño, ao ser o seu marido orixinario de Banga e contar cun grande patrimonio na vila. O trazado comeza na Praza Maior da vila, xusto ao pé da casa onde a escritora pasaba tempadas, e discorre por espazos daquel tempo ou que a inspiraron para escribir El cisne de Vilamorta -nome literario para identificar ao pobo-: casa de Perfectino Viéitez, praza dos Irmáns Prieto, solar da antiga ferretería Soto -o Casino do Carballiño no seu tempo- e a praza que leva o nome da escritora. Ao saír da vila o trazado pasa polas igrexas de Mesego e Sagra para chegar a Banga, pobo no que aínda se mantén o pazo da familia Quiroga. O roteiro sigue por Cima de Vila e remata en Cabanelas, onde está outro dos pazos dos Quiroga: en Suasventás. O Centro de Estudos Chamoso Lamas foi o encargado de elaborar o trazado.
Otero Pedrayo e Nós
Nos roteiros do Consello da Cultura galega ofrécese un completo itinerario titulado Otero Pedrayo no rural ourensán. É un percorrido en coche de 60 quilómetros -e 12 horas de duración- que inclúe 25 puntos de interese: enceta no casco histórico de Ribadavia e pasa logo pola reitoral de Santo André de Camporredondo e o mosteiro de San Clodio para rematar no monte do San Trocado. E antes vai por espazos como o Ponte das Poldras de Leiro, Pazos de Arenteiro, Moldes, a Veracruz, A Saleta de Cea, Oseira, Cornoces, Amoeiro, Trasalba ou Punxín, entre outros lugares.
O centenario de Nós tamén nos deixou un roteiro vencellado a esta xeración e a Otero Pedrayo. Con saída no parque de San Lázaro no Concello de Ourense, os puntos de referencia son a casa de Risco en San Domingos, a esquina de Facenda, a rúa do Paseo -polas tertulias do Miño-, o espazo que ocupaba La Región -lugar de impresión- e a calle Alba -onde estaba o Partido Galeguista-, a Praza do Ferro -casa de Cuevillas-, o edificio vencellado á memoria de Otero e Risco na rúa da Paz, a Praza Maior -onde estaba a casa dos avós do patriarca das letras galegas-, a rúa Colón -escultura de Castelao- e a vivenda de Arturo Noguerol, para rematar no instituto do Posío.
As pegadas de Carlos Casares
Ourense sentiu como unha coitelada a perda do seu autor de cabeceira. E por toda a cidade están espalladas as referencias do Roteiro Carlos Casares. Son vinte espazos no percorrido -o seminario menor e a igrexa de Beiro son os únicos fóra da urbe- e van desde a casa natal na esquina da Avenida da Habana e Cardenal Quevedo e as referencias en San Lázaro -fonte e tertulia de Risco- á catedral ou a Alameda, pasando por un dos seus lugares máis queridos: o Liceo de Ourense.
Noite de Esmorga e cemiterio
É un dos clásicos e unha proposta sempre atractiva á que volver e que nunca decepciona. A noite de troula e traxedia protagonizada polos personaxes de A Esmorga está marcada polos recantos de Auria. Grazas á iniciativa do Club Alexandre Bóveda, Cibrán, Bocas e Milhomes camiñan para sempre polo escenario das súas falcatruadas. Tamén polos carreiros do cemiterio de San Francisco vai outro roteiro, o que leva ao visitante por onde están soterrados os moradores ilustres: de Valente a Tovar, pasando por Fernández Mazas ou Otero.
Seguindo a Curros por Celanova
A vila de Celanova conta cunha ampla oferta de roteiros. Un deles percorre os espazos vencellados a Curros Enríquez: sae da Praza Maior e remata, logo de 8,1 quilómetros e unhas cantas paradas, na casa do poeta.