Desde a modestia ao orgullo

Avelino Muleiro FIRMA INVITADA

O CARBALLIÑO

07 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O Instituto de Estudios Carballiñeses nace a finais do século pasado como un humilde divulgador da historia do Carballiño e da súa comarca, aínda que a modiño, sen ningunha ostentación, pero coa ambición de superarse, logra converterse nun centro creador de cultura sumamente recoñecido. Fillo de tres proxenitores, recibiuse con ilusión entre moitos amigos da contorna. Aos poucos días de nacer, creouse a revista Ágora do Orcellón, símbolo da virtual praza que se abría naquela antiga xurisdición do Orcellón que deu orixe ao Carballiño. Ágora do Orcellón converteuse con celeridade no portavoz oficial do Instituto. Sen pretender equipararse cun famoso movemento intelectual coñecido como Círculo de Viena, nado nos anos trinta do século pasado, O Instituto tentou emular con Ágora do Orcellón a función da revista Erkenntniss (Coñecemento), que actuaba como voceiro de tan transcendental ateneo filosófico en Europa.

Os primeiros estudos publicados polo Instituto pódense cualificar de modestos, e todos relacionados co Carballiño e coa súa contorna. Mais pasados algúns anos, os discretos artigos sobre a igrexa da Veracruz, sobre a toponimia ou as orixes do Carballiño, ampliáronse a Galicia, aparecendo traballos como Os camiños de Santiago, O termalismo, A aldea ideal… Despois, dando un salto importante, apareceron traballos científicos, como Cerebro, metáforas e psicoloxía, Reflexións éticas sobre a clonación, Democracia e globalización… E, por último, derrubando as barreiras nacionais, Ágora do Orcellón aterriza en calquera parte do planeta: en Canadá, en Arxentina, en París, en Nova Iorq... publicando investigacións inequivocamente máis profundas, científicas e filosóficas, e cun esmero e rigor encomiables. Hai exemplares nas bibliotecas universitarias españolas, igual que nalgunhas do estranxeiro, como a de McGill (Canadá), ou mesmo na biblioteca da Unesco (París).

Paralelamente a ese progreso no enfoque, na metodoloxía e nos temas investigados, uniuse a selección dos colaboradores. O elenco de intelectuais que colaboran a menudo en Ágora do Orcellón resulta orgullosamente excepcional: Xesús Alonso Montero, Ignacio Morgado, Adolf Tobeña, Jenny Moix, Camilo José Cela Conde, … e os recentemente falecidos: Jesús Mosterín, Salvador Giner e Mario Bunge. Pero o Instituto non só publica Ágora do Orcellón, porque libros como Os nomes do Ribeiro, de Frutos Fernández, O románico na comarca do Carballiño e O románico no Ribeiro, ambos de Xesús Gulías, Os cruceiros do concello do Carballiño e Os infernos de Galicia, de Estanislao Fernández de la Cigoña… son algunhas das diversas publicacións do IEC. E tampouco a actividade do Instituto se reduce a publicar. Desenvolve outras múltiples actividades, como Cursos de termalismo, conferencias, roteiros culturais, intercambios de publicacións con outras asociacións de Galicia…

No que respecta aos socios cómpre sinalar que existen dúas clases: os numerarios e os de honra. O total supera os 270. Na última asemblea ingresaron 21 novos socios que, aínda predominando nesta lista os profesores -universidade, Bacharelato, Infantil e Primaria-, proceden da Medicina, da Farmacia, do Dereito, da Arquitectura, da Psicoloxía e da Historia. Na lista de socios de honra aparecen, entre outros: Xesús Alonso Montero, Adolf Tobeña, Ignacio Morgado, Jenny Moix, Manuela Martínez, Ignacio Morgado, Javier Sádaba… e os recentemente falecidos: Mario A. Bunge, Jesús Mosterín, Salvador Giner e Walter Mayerstein. A situación na que se atopa nestes momentos o Instituto de Estudios Carballiñeses fortalece a confianza dos seus integrantes para seguir avanzando e enfrontando novos retos que propoña a sociedade. O noso itinerario vén marcado pola modestia, pero estamos orgullosos dos pasos dados.