«Con 12 ou 13 anos hai que falarlles de métodos anticonceptivos e drogas»

María Cobas Vázquez
maría cobas O BARCO / LA VOZ

O CARBALLIÑO

Vanessa Santana es enfermera pediátrica
Vanessa Santana es enfermera pediátrica Santi M. Amil

Alerta de que os rapaces se inician cada vez máis novos no tabaco

02 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O grupo «Pupas, sustos e outros desgustos» xurdiu na área sanitaria de Ourense como unha forma de acercar a enfermería aos escolares e ensinarlles a reaccionar ante un corte ou unha queimadura, a avisar a unha ambulancia ou mesmo a comprobar o nivel de consciencia ou axudar nun afogamento. Como experiencia piloto alá polo 2019 estaba dirixido aos escolares de Primaria, pero agora, cun programa xa consolidado, segue a medrar. Coa mirada posta en Secundaria, agora os sustos poden ser outros, segundo explica Vanessa Santana, enfermeira pediátrica no centro de saúde do Carballiño.

-¿Que falan cos adolescentes?

-Os temas que consideramos importantes para esas idades son reprodución, cambios físicos e hormonais; control das emocións e drogas e hábitos tóxicos.

-¿Pero non saben de reprodución? ¿Non tocan o tema nas aulas?

-Non sei se tocan, pero se o fan é moi por encima ou de forma moi superficial, porque foi o titor [do IES Nº 1 do Carballiño, que foi quen pediu os obradoiros para Secundaria] o que nos falou desa necesitade. Teñen algunha noción dos temas que falamos pero noutros van máis perdidos.

-¿En cales?

-As drogas, sobre todo no que son os seus perigos. E en canto a métodos anticonceptivos coñecen o preservativo, pero non saben o que é un diu ou un implante.

-¿Cando hai que falar con eles?

-O corte está nos 12 ou 13 anos. Nesas idades hai que falarlles de métodos anticonceptivos ou drogas, porque xa empezan a coñecer e a interesarse por eses temas. Sabemos que cada vez van antes nestes temas. O corte está aí. E está claro que non é o mesmo o que vemos na casa que o que vemos na consulta ou o que falan eles cando están en grupo. Entre amigos o comportamento é diferente e entre eles falan cousas que non falan con nós, e a veces a información que teñen non é a correcta. E é fundamental que os datos que manexan sexan os certos.

-Fácil presupoñer que nunha aula chea de rapaces hai moitas risas polo baixo..

-Falamos da copa menstrual, que non todos coñecían. E incluso explicamos como usala. E vimos interese. Pero como é un tema que descoñecen, fano un pouco tabú. Tamén a primeira regra pode ser tema de bromas entre compañeiros... e nós intentamos que vexan como algo natural os cambios físicos asociados á adolescencia.

-A copa menstrual é máis novidade e quizais máis descoñecida, ¿recoméndana fronte a compresas ou tampóns?

-Non nos metemos, calquera método é válido.

-¿E no caso dos anticonceptivos?

-Aí si que recomendamos o preservativo, porque evita o contaxio de enfermidades de transmisión sexual.

-Fálase con frecuencia dun certo abuso das adolescentes da píldora do día despois como método anticonceptivo. ¿É tanto?

-Eu nunca tiven un caso, pero compañeiros e profesorado si que o teñen visto. E os adolescentes si que a coñecen. Nós insistimos que non usen a píldora do día despois como método anticonceptivo, porque non o é.

-¿Por que o fan?

-Non sei se por descoñecemento, comodidade ou desinformación. É algo que teñen ao alcance, pero do que non coñecen os efectos secundarios. O preservativo, aparte da comodidade, a mensaxe é que prevén enfermidades de transmisión sexual. Porque se usan a píldora preveñen o embarazo, pero non a sida, o papiloma ou a gonorrea. E tamén lles falamos desas enfermidades, porque teñen que coñecelas e saber dos seus riscos.

-¿Vense moitas?

-Non, tampouco vemos enfermidades de transmisión sexual.

-Moitas voces expertas teñen alertado da iniciación cada vez máis temperará dos rapaces no tabaquismo.

-Cada vez chegan antes. A sensación que hai é que cada vez se inician antes. Si que os oes falar e nos obradoiros algún comentou o tema da cachimba, ou falan de drogas. Tampouco ningún di abertamente que fuma, pero ves que coñecen o tema e que fan chistes polo baixo. Así que hai que falarlles dos riscos.

«Que un adolescente pase de estar eufórico a triste é algo normal»

Outro tema importante cando se trata de adolescentes é o dos sentimentos, que moitas das veces non saben como xestionar por ser un escenario completamente novo. E aí volve entrar o obradoiro de «Pupas, sustos e outros desgustos».

-Falamos das emocións e dos seu manexo, porque polos cambios hormonais teñen un bum de sentimentos. Hoxe están tristes, mañá aburridos, pasado eufóricos... é algo normal.

-¿Cando hai que preocuparse?

-Hai que valoralo de forma individual. Hai quen madura antes, pero o corte estaría nos 12-13. Aínda que hai nenas que aos 10 ou os 11 anos xa empezan cos cambios hormonais, os nenos acostuman ir máis tarde. E de aí en adiante. Hai que levalo de forma natural, son cambios que van ter igual ata os 18 anos. O que intentamos é que non se preocupen por iso. E aos pais dicímoslle que hai que ter paciencia, e tamén respectar aos rapaces. Porque teñen cambios bruscos, pasan de estar eufóricos a tristes. Moitos pais dinnos iso de «está adolescente perdido», pero sempre como algo normal. Hai que levalo con naturalidade, e ir encamiñando a personalidade de cada un.

-¿Como están levando os adolescentes a pandemia?

-Temos un pouco de todo, quen o leva máis natural e outros que se illaron un pouco máis, pero son casos puntuais. O que si vemos é que medrou o uso das novas tecnoloxías, de aplicacións como Tik Tok ou das consolas de videoxogos. E baixou nalgúns o exercicio físico, porque eran rapaces que ían a actividades extraescolares que se frearon, e aínda que algunhas se están reiniciando, vemos que hai nenos que continúan sen facer deporte, porque os pais non se animaron a levalos, por medo, ou porque a actividade que practicaban aínda non se volveu poñer en marcha.