O Arousa encaixou en tres partidos tantos goles como na primeira volta

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

O CARBALLIÑO

MONICA IRAGO

A fraxilidade defensiva explica en boa medida os seus 5 empates encadeados

09 feb 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O Arousa volvía na tarde do pasado domingo da súa visita ao sintético de Santa Mariña cun novo empate, 2-2 co C.D. Choco; a quinta igualada noutras tantas últimas comparecencias en Liga do equipo arlequinado. Con todo, co eco da última vitoria perdéndose máis de dous meses atrás, cun 2-1 sobre o C.D. Estradense o 8 de decembro, o cadro vilagarcián está en disposición de arrebatarlle mañá a domicilio o liderado a un Arenteiro con só 3 puntos máis no seu casilleiro, no partido aprazado da primeira xornada da segunda volta por casos de covid-19 no cadro de futbolistas do Carballiño.

Pese á escasa marxe de tempo, ben está reflexionar sobre as razóns que explicarían como o Arousa deixou no camiño 10 dos últimos 15 puntos que disputou.

A lo menos nos seus tres últimos encontros ninguén pode negar que o labor ofensivo despregado polos homes de Rafa Sáez foi merecente dos 3 puntos en xogo. Fronte ao Ourense CF a pregunta no aire no estadio do Couto tras o tanto de Róber era canto tardaría en caer o 0-2, ata que as expulsións de Pedro García e de Mon nos minutos 61 e 62 desnivelaron a balanza, facilitándolle ao rival o empate a 1 con gol de Cassio no 89 e o Arousa xogando parte do tempo de prolongación con Coti na portería pola vermella, tamén, a Álex Cobo.

Tres balóns á madeira da portería do C.D. Barco mandou o equipo arlequinado unha semana despois no céspede da Lomba, con Javi Fontán adiantando os locais no minuto 6 e con Pedro Beda amarrando un punto no 80 tras poñerse o rival 1-2 antes do descanso. E hai dous días, foron varias e variadas as ocasións manifestas de gol sen diana as que desaproveitou o Arousa no seu paso polo feudo do C.D. Choco, un rival que anulou por dúas veces as vantaxes adquiridas polos de Rafa Sáez, co penalti transformado por Pedro Beda no minuto 16 e co remate a pase deste de Julio Rey que subía o 1-2 no 42.

Nun deporte no que se recompensa a quen marca máis goles, a primeira impresión leva a pensar que tras os cinco empates consecutivos do Arousa se agochan a forza dos elementos adversos, pero sobre todo a falta de puntería tras facer o máis difícil, desarmar a zaga rival deixando a portería contraria á mercé dun remate guiado entre os tres paus. Pero claro, o fútbol é atacar, pero tamén defender. E neste último punto é onde o Arousa está a baixar preocupantemente o seu rendemento.

Con 5 goles en contra pechaban os de Rafa Sáez a primeira volta desta atípica Liga, conferíndolle a condición de equipo menos goleado do campionato. Cinco tantos repartidos entre once partidos. A mesma cantidade de goles leva encaixados nos seus tres primeiros encontros da segunda volta, en espera da disputa dos dous choques aprazados co C.D. Arenteiro e coa U.D. Ourense.

O adestrador do Arousa referíase onte a este último punto como unha cuestión que considerar con «igual o más» relevancia que o feito de que «sí estamos desperdiciando la ocasión de marcar más goles».

«Vamos a prestar atención al balance defensivo», subliña Rafa Sáez. Incidindo na materia nos adestramentos. Pero tamén, di, asimilando e reaccionando convenientemente a unha realidade evidente: «Los partidos son y serán cada vez más trabados, más cerrados, más competidos. Con el sistema de competición que hay no existen partidos basura. Esta va a ser la tónica dominante en la Liga». E neste escenario, blindar as gardas defensivas resulta crucial para pensar en acadar a meta do ascenso fixada nas oficinas e no vestiario da Lomba.

«No sugestionarse»

A mellora defensiva require dun traballo físico e táctico, pero tamén e quizais sobre todo, dun esforzo psicolóxico. Así as cousas, preguntado pola pobre xeira de resultados do Arousa, Rafa Sáez fai fincapé na necesidade de «no sugestionarse con que llevamos cinco empates. Hay gente que pensará que llevamos cinco partidos sin perder y otros que llevamos cinco sin ganar. No puede convertirse en una sugestión».