Arrimando a ascua

Bieito Romero
Bieito Romero O SON DO AR

O CARBALLIÑO

29 sep 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

finais deste estraño e triste verán do 2020, tivemos a ocasión e o pracer de tocar nun fermoso lugar bautizado como A Insua dos Poetas, situado a carón do río Pedriña, no lugar de Esgueva, Madarnás, O Carballiño. Pareceume un espazo marabilloso no medio da natureza, inzado de referencias á nosa cultura e cunha programación de actividades permanente. A escultura e a palabra son as principais protagonistas neste entorno que conta cun magnífico auditorio ao aire libre onde tamén se realizan concertos de música. Alí coñecín ao artífice principal desta fantástica idea de futuro, o mestre Luís González Tosar, insigne das nosas letras co que tiven o pracer e a honra de compartir uns minutos de charla previos ao comezo do recital. Comentoume que lle gustaban as pequenas columnas que cada martes escribo neste xornal e tamén me dixo que tendo esta oportunidade, arrimaba pouco a ascua á sardiña. Sorprendeume a expresión popular e quedei cavilando nas verbas do profesor. Aínda que si teño feito artigos arrimando o propio á sardiña hoxe vouno facer de novo reivindicando o valor e a riqueza da nosa música de raíz.

É certo que temos sen dúbida unha das músicas máis ricas e variadas de Europa en aspectos moi salientables entre os que destaco a variedade instrumental e rítmica. Tamén unha fértil tradición transmitida oralmente ao longo dos séculos co importantísimo matiz de que na actualidade aínda continua viva. A música galega, como o resto da nosa cultura, é consecuencia dunha mestura fraguada no transcurso da historia, posúe unha forte personalidade propia e ten a permeabilidade precisa que axuda ao seu enriquecemento. A nosa música é distinguible noutros lugares do mundo como sucede coas músicas e culturas doutros moitos pobos como o portugués o escocés ou o andaluz aínda que quizais nos falte unha maior proxección.

Polo tanto paréceme de lei que se o flamenco xa é merecidamente Patrimonio da Humanidade, a nosa música debería ter esa mesma consideración. Así que, mestre Tosar, arrimo a ascua de novo e moitas grazas por inspirarme para escribir estas letras.