Paixón pola música e o piano

Por X. M. Rodríguez

O CARBALLIÑO

Oscar Vázquez

Óscar Paniagua acadou o primeiro posto no acceso ao curso superior de piano e estudará no Conservatorio de Vigo

22 sep 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Máis que paixón o piano e a música son a vida mesma para Óscar Paniagua González (O Carballiño, 2001). O que comezou coma un xogo rematou por ser o seu sinal de identidade. «Na casa había un teclado electrónico que era de meu pai, que tocaba o piano, e eu sempre estaba alí enredando e pasando o tempo. Obviamente non sabía como se tocaba pero a min atraíame como soaba. Aos 5 ou 6 aos meu pai ensinoume o básico e logo xa foi cando quixen seguir para saber máis e aprender cousas novas». Tiña 8 anos cando encetou os estudos na Escola Municipal de Música e 9 cando se matriculou no Conservatorio do Carballiño. Juan Antonio Rodríguez e Alfonso Medela -nestes dous últimos cursos- foron os seus profesores e vén de conseguir o primeiro posto nas probas para cursar interpretación de piano no Conservatorio Superior de Vigo. Apunta que quedou algo desconcertado -«recibino con moita alegría e con máis nervios»- cando o Concello do Carballiño recoñeceu a súa traxectoria coa entrega dun agasallo nun acto que presidiu o alcalde e aproveita para reivindicar: «Debería haber máis apoio para a música no pobo. Creo que non se lle dá a consideración que se merece». Óscar Paniagua ten claro que o seu futuro profesional é o de ser concertista de piano e sinala como compositores de cabeceira a Chopin e Beethoven -«xa sei que non son moi orixinal, pero son os que me gustan»-. Disciplina e organización son as claves para compaxinar os estudos e carreira de piano, segundo sinala. O futuro concertista tense significado como músico noutras facetas: acude a tocar ao templo da Veracruz e, xunto con varios amigos, forma parte do grupo Los Perrys.