O diario de Pepe, historias da corentena

Xiana Fole Garza OURENSE

O CARBALLIÑO

Miguel Villar

Un libro recolle o día a día dun neno de O Carballiño durante os meses de confinamento

29 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Di Rosa Cerdeira que ás veces teñen que pasar cousas malas para que veñan as boas. Algo semellante aconteceu na súa familia durante o confinamento: improvisacións que sementaron proxectos e alegraron o día de moitos. Ela é a nai de Pepe, un neno de dous anos que ó longo da corentena foi a personaxe principal das historias que ían publicando os seus pais, Rosa e Alberto, a través de Facebook, contadas dende o punto de vista do neno.

Como autónomos, o confinamento e o cese da actividade económica afectaron directamente á Rosa Cerdeira e Alberto Castro, donos da tenda de roupa Lamargha, en O Carbaliño. «Isto comezou sen pensar. Todo foi porque un día o pai de Pepe se levantou co pé esquerdo, preguntándose que como ía entender o neno o que estaba pasando. Eu quería que se decatase de que nós non íamos ser un problema engadido á situación, así que escribinllo coma se fose Pepe quen falaba. Gustoulle tanto que decidiu publicalo, e a partir de aí», conta a nai.

As historias de Pepe axiña comezaron a ser coñecidas pola xente do barrio, os veciños que eran tamén personaxes grazas á linguaxe dos balcóns. «Comezaron a ler as historias e facían que eu puidese escribir máis liñas. Un dos veciños sacaba a súa trompeta, o seu tambor, bailaba... Saír o balcón era como pasar lista, rematamos facendo piña. Todo iso fíxoo Pepe», di Rosa. Así foi como pasaron de non coñecerse a formar parte da mesma historia.

Agora o Diario de Pepe ten a súa versión en papel, unha edición limitada de 100 exemplares que se pode mercar na libraría Escolma ou na súa tenda, Lamargha. Ademais, os días do cativo están ilustrados por outro novo talento, Sergio Iglesias, un rapaz ourensán de 11 anos.