«O andar da pedra»: a historia audiovisual do templo da Veracruz

Xiana Fole Garza OURENSE

O CARBALLIÑO

Miguel Villar

A curta documental do IES Chamoso Lamas estreouse onte en O Carballiño

29 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O 26 de xuño de 1943 colocábase a primeira pedra do que sería o templo da Veracruz, en O Carballiño, o segundo gran proxecto do arquitecto Antonio Palacios en Galicia. Hoxe, case 80 anos despois, a súa historia é proxectada a través da curta documental O andar da pedra, realizada polo IES Chamoso Lamas. Foron un grupo de alumnos e profesores do instituto carballiñés quen, tras máis de dous anos de traballo, conseguiron crear esta peza audiovisual de 24 minutos de duración na que se mostra a historia do templo da Veracruz, da súa construción e das persoas que participaron nela.

«Na curta podemos atopar as testemuñas de persoas que participaran na construción da Veracruz e que seguían vivas ó iniciar o proxecto; por desgraza, faleceron no último ano. Por outra banda, a través da voz dunha especialista en xeoloxía faise unha explicación dos materiais, da pedra como o elemento esencial empregado polo arquitecto, Antonio Palacios», resume Ricardo Paz, profesor do IES Chamoso Lamas e integrante do grupo de traballo. Nas súas palabras, a peza é unha maneira de ver a Veracruz dende un punto de vista diferente ó habitual.

A proxección da curta tivo lugar onte, no propio templo de O Carballiño, en dous pases: ás dez e ás once da noite.