Carlos Ledo asumirá a dirección do Festival de Teatro Galego do Carballiño

La Voz

O CARBALLIÑO

Santi M. Amil

Josi Lage xa anunciara na última edición do Fetega que se ía producir un relevo na xestión do proxecto

19 may 2020 . Actualizado a las 13:46 h.

A actriz e directora do Festival de Teatro Galego do Carballiño anunciara ao remate da última edición, a que conmemoraba os 30 anos de vida do Fetega, que pechaba a súa etapa como responsable do certame escénico e que se promovería un relevo na dirección do mesmo. Este venres anunciouse dende a Asociación  cultural FETEGA o referido relevo e incidiuse en que «o perfil buscado para a dirección requiría un profesional con ilusión renovadora pero sen perder a esencia actual, visión de xestión porque o evento ten que ser sostible, perfil conciliador libre de afiliacións políticas, que mantén as raíces do Carballiño pero cunha visión xeográfica moi ampla. E todo isto reúneo Carlos Ledo, ademais con coñecemento das novas tecnoloxías, experiencia na coordinación de equipos, olfacto de produtor e dominio da linguaxe teatral». Pola súa banda Josi Lage, a directora saínte, incidiu en que «é un momento emocionante, foron moitos anos nos que fun moi feliz, e onde houbo tamén suor e bágoas. Fixen o meu traballo o mellor que sei dando paixón e esforzo, e con grandes equipos detrás. Poñerse agora ao fronte do festival é algo moi valente, máis nestes tempos nos que hai que reinventarse». O novo responsable do certame teatral do Carballiño recoñeceu que «é unha responsabilidade grande e apaixonante especialmente para min, que lembro os inicios cando nin siquera se levaba aínda a palabra Festival. O festival evolucionou, sempre evoluciona, e penso no traballo de Xan Pinal nos seus inicios, e no liderado fantástico de Josi Lage nos últimos anos, nos nomes de tantas persoas, patrocinadores, voluntarios que traballaron durante estes trinta anos e aos que necesitaremos no futuro, na calidade da programación e en novos retos», sinalou Ledo.