«Vai ser difícil volver á normalidade e a recuperación tardará en chegar»

x. m. r. OURENSE / LA VOZ

O CARBALLIÑO

Santi M. Amil

Laura Cibeira tiene una tienda de decoración en O Carballiño

12 abr 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Para Laura Cibeira Beltrán, da tenda de decoración Espazzio do Carballiño, a incerteza e o futuro que nos imos atopar logo de que rematen o estado de alarma e as medidas de illamento -«que aínda non se sabe cando será, porque se poden prorrogar de novo»- non consistirán nos mellores argumentos para retomar a actividade. «Vai ser difícil volver á normalidade e a recuperación tardará en chegar. Non sabemos en que condicións imos saír disto e a economía quedará moi tocada. Daquela as familias terán, teremos, que marcarse unhas prioridades e non volveremos ao de antes».

No caso desta tenda de decoración, ubicada na carballiñesa rúa Cesáreo Tizón, as medidas decretadas polo Goberno «afectáronnos dende o minuto 1. Tivemos que ir a un ERTE e agora todo está parado e no noso caso -Espazzio está asociada a Euromueble Dacón- son sete as persoas afectadas».

Laura Cibeira Beltrán ten a certeza de que cando volva reabrir a tenda a realidade non será a mesma, pero cre que aí é onde se ten que incidir agora para reivindicar o compromiso e o apoio ao comercio local: «Disto só podemos saír xuntos e a xente ten que apostar polo comercio local, porque entre todos seremos capaces de saír. Se non nos apoiamos entre nós non haberá futuro para ninguén».

A situación dos autónomos non é doada e para Laura Cibeira faise necesario que os concellos, neste caso o do Carballiño, valoren medidas de apoio para un sector que é estratéxico e de grande importancia para os concellos.