Unha casa de comidas de toda a vida

A taberna, que fora cita obrigada para as roldas nas cuadrillas dos viños, aposta agora por ser un espazo gastronómico do século XXI


Ourense

«O que queriamos era recuperar o espírito dunha casa de comidas de toda a vida e facelo nun espazo que, para a nosa familia, é algo máis», sinala Daniel Atanes, un dos catro socios da recuperada Casa Gazpara. E cando fala dese algo máis sabe perfectamente ao que se refire, xa que a súa avoa estivo vencellada ao mítico local do Carballiño -nos tempos dos seus creadores: Suso e Julita- e logo foi seu pai o que pasou moitos anos ao pé da caldeira do polbo. Hai máis de vinte que a familia deixou de estar cocendo, e agora volve a terceira xeración, coma se fose unha sorte que estaba escrita: «Houbo un tempo que estivo á venda e meu pai comentou se o mercabamos para levalo nós. Eu e os meus irmáns dixémoslle que non queriamos saber nada. E mira ti por onde aquí rematamos de novo». A Casa Gazpara foi moito máis que unha taberna: a carón do Concello do Carballiño, era cita obrigada para as roldas das cuadrillas dos viños, e a mesma acolleu proxectos como as reunións do colectivo Tasca e Literatura -liderada polo entón secretario Xosé Fariña Jamardo- ou a asociación cultural Peña Casa Gazpara. Da man do estudio de arquitectura MOL o edificio recuperou os seus sinais de identidade orixinarios -a casa data de 1887-, e a aposta para crear un espazo gastronómico do século XXI chegou cunha nova pel de madeira de piñeiro e a construción dun lugar que fose unha referencia para a vila «e elemento dinamizador da vida cultural da mesma». En agosto abríanse as portas da nova Casa Gazpara, e foi un reencontro coa vila e con moita da clientela histórica. «Xente que xa viña antes, e mesmo persoas de fóra que pasan as vacacións na vila, danche os parabéns por ter recuperado un espazo que era máis que unha taberna e unha casa de comidas: era un dos sinais de identidade da vila, e nesa liña queremos seguir», sinala Atanes. O polbo é a referencia inapelable, mais non só iso, xa que na Gazpara apostan por unha carta «sinxela pero elaborada, para dar resposta ás demandas de toda a nosa clientela».

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Ourense

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

Unha casa de comidas de toda a vida