«Sempre tiven claro que vir a Suíza era unha opción de futuro para min»

xosé manoel rodríguez OURENSE / LA VOZ

O CARBALLIÑO

cedida

O carballiñés Aquilino Pérez Ucha leva 38 anos vivindo en Deguersheim, un pobo da zona alemá do país

13 feb 2020 . Actualizado a las 17:11 h.

Sen coñecela, Suíza era un espazo próximo e familiar para Aquilino Pérez Ucha (Vilar de Veiga, O Carballiño, 1962). Alí tiña, e ten, parentes residindo «e dende que era un adolescente xa me fun metendo na cabeza que marchar para alí era unha das posibilidades que tiña cando cumprira os 18 anos. Era unha opción de futuro». E así foi: fixo a aprendizaxe no sector da construción, moi demandado naquela altura no país, e coa maioría de idade xa tivo o seu primeiro contrato laboral en Suíza.

Nos primeiros sete anos Aquilino Pérez marchaba por tempadas: «De marzo a decembro estaba alá traballando na construción e nos meses de inverno retornaba ao Carballiño. Iso foi entre 1981 e 1988. A partir dese ano mudei de sector, para unha fábrica, e xa con permiso de residencia anual». E nesas segue, traballa de mecánico industrial nunha firma que fai moldes e pezas para o sector sanitario -próteses e outros materiais-, construción e outras actividades. «Exportamos a todo o mundo e a empresa conta con máis de 1.500 referencias. O das próteses medicinais en titanio e aceiro é un dos campos onde nos posicionamos de maneira destacada».

Integración e contrastes

Contar con familiares no país helvético fixo que o carballiñés non tivese problemas de integración e o mesmo pasou no mercado laboral, aínda que co tempo o idioma condicionou a súa vida. «Na construción eran todos italianos e españois, e daquela non había problema. Cando entrei na fábrica a cousa cambio: alí todo é en alemán puro e duro e tiven que facer uns cantos cursos para aprender o idioma».

Lembra Aquilino Pérez que ao chegar a Suíza o que lle chamou a atención «foi a limpeza que había, en xeral, e o mantemento das rúas, xardíns, bosques e demais. E a puntualidade, a todos os niveis. Aquí tes cita con quen sexa -médico, hospital, facenda, etcétera- e o horario é sagrado». Cavila naquilo que estraña e axiña resolve: «A estas alturas xa poucas cousas, fóra da familia claro. A comida e os produtos galegos, iso si».

O retorno como obxectivo

A vida de Aquilino Pérez está perfectamente asentada en Deguersheim, aínda que O Carballiño é o punto de retorno. «Aquí vívese moi tranquilo, é un pobo de menos de 4.000 habitantes no Kanton ST Gallen, e estamos a 70 quilómetros de Zürich, que é a cidade importante e de referencia para nós. As tarde de terraza no bar aquí non existen e érgueste dúas horas antes de que cante o galo. No verán o destino é O Carballiño, e a partir de aí a onde sexa. Vou todos os anos a Galicia, de catro a cinco semanas». E nas súas orixes está a meta: «Sempre tiven claro que, cando sexa o momento, penso regresar ao punto de partida. Despois xa se verá como se adapta un aí. Deixando unha porta aberta en Suíza, ao menos ao comezo».

Sinala que o mito dos altos soldos do país é certo, aínda que hai que pór as cousas no seu sitio. «Aquí un aprendiz comeza cobrando 700 ou 1.000 euros. E cando xa empezas a traballar o teu soldo é de 4.000 euros, mais a iso tes que empezar a sacarlle: pagas o seguro de enfermidade, os impostos, a vivenda -aquí un piso normal son 1.000 ou 1.500 de alugueiro- e así. Unha persoa que cobra 4.000 euros aquí vén sendo o equivalente a un mileurista aí».

No inverno Deguersheim é un destino para a práctica do esquí. Aínda que el foi máis de fútbol e bicicleta, agora o seu deporte preferido é mirar dende casa como esquían os máis novos.

A vida en Degersheim  

O carballiñés Aquilino Pérez Ucha leva 38 anos vivindo en Degersheim, unha comuna de menos de 4.000 habitantes que pertence ao cantón de San Galo. O pobo está na Suíza alemá, no distrito de Wil, e de feito a súa ubicación está próxima a Alemaña. A neve é un dos atractivos do lugar e a pistas para practicar esquí son un reclamo para a tempada que comezará nas próximas semanas e que leva a moitos visitantes á zona.

Mudou o perfil emigrante.

Aquilino Pérez salienta o feito de que xa non chegan emigrantes españois. «Aquí non veñen, nesta zona o panorama da emigración mudou radicalmente». Os galegos sempre foron ben vistos e contaron coa consideración dos suízos, aínda que «ti constatas como hai unha gran maioría que non mira ben aos estranxeiros, cuestión que está vencellada a como cambiou o escenario nas últimas décadas». Coa unificación das dúas alemañas moitos cidadáns da RDA -a Alemaña do Este- emigraron a Suíza. A guerra dos Balcáns provocou unha chegada de man de obra procedente dos países da zona e a diferenza cultural marca a realidade cotiá. «Aquí hai moita variedade de crenzas relixiosas e a convivencia nunca representou ningún problema. No caso dos musulmáns non existe a integración que hai coas outras culturas, e iso aquí non gusta. Mais como os necesitan para traballar».