Os Premios Arenteira recoñecen a traxectoria de Miguel García, Iván Docampo e Elixio Villaverde

La Voz OURENSE / LA VOZ

O CARBALLIÑO

cedida

Os galardóns serán entregados nun acto que se celebrará o 29 de novembro no Carballiño

29 nov 2019 . Actualizado a las 19:44 h.

Hai xa oito anos que o Aparthotel Arenteiro promoveu a creación duns premios que tiñan como obxectivo recoñecer e distinguir a persoas, entidades ou colectivos das comarcas do Carballiño e do Ribeiro que se teñen significado no seu terreo profesional ou en proxectos singulares. Unha convocatoria que naceu con dúas categorías -Cultura e Ciencia, por unha banda, e Deporte- e que logo engadiu un premio a título póstumo. Os primeiros decídenos os centros de ensino do occidente ourensán e as entidades colaboradoras, e o terceiro o xurado.

Os Premios Arenteira foron dados a coñecer onte nunha rolda de prensa na que participaron Uriel Bernárdez, en representación da empresa que promove a convocatoria, e por Xosé Luis Sobrado, presidente do xurado.

Recibirán os Arenteira 2019 Miguel García -no apartado de Cultura e Ciencia-, Iván Docampo -Deporte- e Elixio Villaverde -a título póstumo-. Xosé Luis Sobrado foi o encargado de glosar os méritos dos galardoados. Salientou, no caso de Miguel García, o traballo que «leva realizado dende hai 35 anos coa recollida de datos na Estación Meteorolóxica do Carballiño». Os premios conseguidos en probas de cross e media maratón por todo o mundo foron lembrados por Sobrado Pérez á hora de referirse ao galardón de Iván Docampo.

Elixio Villaverde García foi un profesor e investigador natural de O Irixo que ao longo da súa vida participou en moitos proxectos e iniciativas de dinamización cultural e social. Na súa condición de investigador significouse de maneira especial nos traballos relacionados coa comarca do Carballiño, de forma singular coa realidade dos movementos migratorios a México, e con outras vertentes históricas, como as referidas á Guerra Civil.

Entrega o 29 de novembro

Na presentación dos Arenteira 2019 Uriel Bernárdez expresou a súa satisfacción por acadar a oitava edición dos premios e facelo «cun incremento notable das entidades colaboradoras».

Os galardóns serán entregados nun acto que se celebrará o día 29 de novembro no salón de actos do Aparthotel Arenteiro, na Alameda do Carballiño.

Quenes son

Promotor da Estación de Meteoroloxía do Carballiño

Conta con premios en probas celebradas por todo o mundo

Historiador de O Irixo. Foi profesor e investigador