Cristina García Rodero dará un curso de fotografía no Carballiño

La Voz

O CARBALLIÑO

PILI PROL

O Potiños contará coa presenza da creadora da axencia Magnum os días 23 e 24 de novembro

08 oct 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Días 23 e 24 de novembro • O Carballiño • Espazo e horario por determinar • 160 euros (140 se a inscrición é antes do 25 de outubro) Cristina García Rodero marcou unha etapa na historia da fotografía. Entre outros moitos méritos -que xunto cos seus recoñecementos son numerosos- o seu traballo converteuna na primeira persoa española en ser admitida na prestixiosa e selecta axencia fotográfica Magnum. E coa artista de Puertollano -onde hai un museo co seu propio nome no que se pode coñecer o seu traballo- contará a Asociación Fotográfica O Potiños para impartir un curso os días 23 e 24 de novembro. O mesmo terá doce horas de duración e o seus obxectivos serán «aprender a mellorar a construción dun relato fotográfico utilizando a cámara como vehículo de indagación e aproximación ao mundo. O enfoque dun tema, o fío condutor, a importancia da creación, o desenvolvemento dunha linguaxe visual propia» e aprender a buscar «no mundo interior a través do exterior para o desenvovemento dun estilo propio e a narrar historias con imaxes creando os nosos propios proxectos». O curso formará parte das actividades dunha nova edición do Arenteiro Fotográfico, a celebrar en novembro e decembro.

Publicación mítica

Este ano estanse a cumprir as tres décadas do seu libro «España oculta» (1989), unha obra que se ten convertido na referencia inexcusable para a fotografía e na que aparecen moitas das festas tradicionais de Galicia: dende O Corpiño aos entroidos de Ourense.