A evolución do deseño gráfico a través do cinema

Antonio Méndez / X. F. LA VOZ

O CARBALLIÑO

O Carballiño acolle unha mostra que rememora os 50 anos de vida do cineclub da vila a través de cartelería

02 ago 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O pasado domingo iniciáronse no Carballiño as Xornadas de Cine e Vídeo en Galicia (Xoviciga), que este ano celebran a súa 35.ª edición. Dentro da programación inclúese a mostra «Papeis de cine: 50 anos do Cineclube Carballiño (1969-2019)», unha homenaxe á famosa institución cultural da vila ourensá. A exposición presenta carteis, boletíns, entradas ou folletos da programación, entre outros, que amosan, en certa medida, a traxectoria do deseño gráfico co cine como argumento principal.

A directora de arte e responsable da confección da mostra, Marta Villar, salienta que «os bloques nos que se divide a exposición reflicten a evolución do deseño gráfico». Villar explica que as primeiras etapas, a partir do ano 1975, caracterízanse por un «contido textual sinxelo e aliñado, cunha reprodución fotográfica».

Nos 80 a colaxe gaña protagonismo e «as formas bailan dentro do papel e do prego, destacando por ser un deseño dinámico e atrevido», describe a directora de arte. A década dos 90 caracterízase pola presenza de «moita cor e a alternancia de fotografías en diferentes escalas». Finalmente, o cambio de século achega novas formas de expresións e as grandes posibilidades que permite o deseño por ordenador.

Por outra parte, o deseño galego ten unha presenza significativa. Como explica o expresidente do cineclub, Miguel Anxo Fernández, «destacan os traballos de Permuy, Anxo Santomil, Pepe Barro ou Suso Obenza, entres outros».

Un percorrido, tamén, sentimental a través do segundo cineclube galego máis lonxevo.