O Carballiño edita unha monografía sobre o Mestre Vide

La Voz

O CARBALLIÑO

Miguel Villar

A publicación de Javier Jurado incide na relación do compositor coa vila e con Fariña Jamardo e Juan Corral

16 abr 2019 . Actualizado a las 08:03 h.

En 1952 José Fernández Vide, o Mestre Vide, compoñía a canción «Carballiño» tomando como base un texto de Xosé Fariña Jamardo. A peza foi considerada dende entón como un himno da vila carballiñesa, sendo cantada durante anos polos escolares nos colexios e interpretada, con certa frecuencia, polas corais do Carballiño, De feito a Coral Polifónica do Casino do Carballiño incluiu a peza no seu primeiro cedé. Con motivo da celebración do 125 aniversario do Mestre Vide o Concello, a proposta do músico Óscar Ibañez, promotor da iniciativa, tomou en consideración recuperar nunha publicación a historia deste tema musical. que foi posible pola intermediación de Juan Corral Pajariño, amigo de Vide. O traballo «O Carballiño. Canción. José Fariña Jamardo-José Fernández Vide» é unha edición crítica realizada por Javier Jurado Luque, catedrático de Historia da Música no Conservatorio Superior de Música de Vigo. A publicación  consta de 24 páxinas e será presentada durante un concerto de homenaxe ao Mestre Vide que ofrecerán o mércores, 17 de abril, ás 20.00 horas, no auditorio municipal Manuel María, a pianista Noemí Salomón e a soprano Anaís Fernández, cola colaboración final da Coral Polifónica Casino do Carballiño. O Concello agasallará aos asistentes cun exemplar da obra, que conta cunha tirada de mil exemplares. No acto contarase coa presenza do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.