Pachi Vázquez: «Esta candidatura non vai contra ninguén, o noso inimigo é o PP»

xosé manoel rodríguez OURENSE / LA VOZ

O CARBALLIÑO

Santi M. Amil

O noutrora candidato á presidencia da Xunta polo PSOE preséntase con Espazo Común á alcaldía do Carballiño

03 abr 2019 . Actualizado a las 08:08 h.

Recoñece que non pode vivir fóra dese escenario, e volve ao punto de partida en modo Pachi Vázquez en estado puro.

-Foi conselleiro, candidato á presidencia da Xunta, alcalde do Carballiño e optou xa en 1987 á alcaldía. Non cre que pode haber quen cuestione a súa traxectoria?

-Para nada. Todo o que son e o que fixen en política débollo ao Carballiño. E sempre pensei na miña vila estando na oposición, sendo alcalde, estando no Parlamento ou exercendo de conselleiro. Creo que podo achegar moitas cousas e síntome orgulloso de volver presentarme para ser alcalde da miña vila.

-Non é un cometido menor?

-Iso non se sostén, e hai moitos exemplos que cuestionan ese argumento. Sen ir máis lonxe aí está o caso de Abel Caballero, que foi ministro do Goberno e logo candidato á Xunta, e finalmente volveu ás súas orixes e hoxe é un dos mellores alcaldes de España. A el valeulle moito o seu percorrido vital e eu creo que, salvando as diferenzas, no meu caso esa experiencia pode sumar. Fago isto de maneira vocacional porque a min gústame a política, como é sabido.

-Que escenario contempla?

-Nós temos moi boas sensacións e barallamos datos que nos dan moi boas perspectivas. O meu é un escenario dende a experiencia e a ilusión, pero dificilísimo. Hai que ter en conta que se van presentar seis candidaturas e non vai estar a cousa fácil. É un escenario moi aberto, pero nós aspiramos a todo.

-E cal será entón a estratexia?

-Aspiramos a ser a forza máis votada e a gobernar. Pero, dende logo, a nosa premisa básica é garantir a gobernabilidade do Carballiño e consensuar proxectos para dinamizar a vila. O meu inimigo é o PP, que ninguén se engane, e o futuro pasa por lograr un goberno de centroesquerda para darlle un pulo ao Carballiño

-Tres dos ex-concelleiros do goberno socialista pasaron ao grupo de non adscritos e están en Espazo Común. Nese escenario do que vostede fala, pactaría co PSOE se fose necesario?

-Con calquera. Repito que o noso inimigo é o PP e que por nós non vai quedar que haxa un goberno que non sexa popular no Carballiño. E espero que tampouco polos outros se nós somos os máis votados dese espectro de centroesquerda.

-Vostede traballou arreo hai catro anos para conseguir a alcaldía para o PSOE, chegando Francisco Fumega ao cargo. Ser candidato no Carballiño é un axuste de contas?

-Esta candidatura non vai contra ninguén. Iso sería un obxectivo e un criterio moi pequeniño e sen futuro de ningún tipo.

-Se os resultados non acompañan dimitirá e deixará o Concello?

-Para nada. Espazo Común é un proxecto que naceu para achegar cousas e para xerar ideas e iniciativas, non para un caso puntual, e ese é o noso obxectivo. E se toca estar na oposición dende aí traballaremos durante catro anos para mellorar o resultado nas próximas.

-Nun hipotético escenario sen sanchistas e sen os actuais dirixentes galegos podería volver ao PSOE?

-Sería unha posibilidade. Nós somos socialistas, e como tal definímonos e reivindicámonos, non somos unha xente do PSOE que se foi ao PP ou a outro partido.