Pachi Vázquez será o candidato en O Carballiño por Espazo Común

x. m. r.

O CARBALLIÑO

Santi M. Amil

O exalcalde volverá á política municipal despois de máis de trinta e cinco anos

01 abr 2019 . Actualizado a las 20:37 h.

Pachi Vázquez volverá ás súas orixes políticas. Despois de máis de trinta anos da súa primeira campaña das municipais no Carballiño, a de 1987 co CDS, o veterano político socialista concurrirá como cabeza de lista de Espazo Común. A nova plataforma política ten convocada para o martes a presentación da súa alternativa na vila natal de Vázquez e o exconselleiro de Medio Ambiente xa confirmou que volverá a ser candidato á alcaldía do Carballiño.Logo da súa primeira experiencia na política local, a de 1987, Pachi Vázquez recuncou en 1991 como cabeza de cartel do PSOE e en 1995 converteuse en alcalde do Carballiño grazas ao acordo de goberno do BNG. Na vila revalidou os seus apoios, xa gobernando en solitario, e no ano 2005 tivo que deixar o cargo para ser conselleiro de Medio Ambiente no goberno bipartito de Emilio Pérez Touriño. Coa chegada ao goberno da Xunta do PP e a renuncia de Touriño, o político carballiñés acadou a secretaría galega do PSdeG-PSOE e foi candidato do partido á presidencia da Xunta de Galicia. Hai uns meses que Vázquez abandonou o PSOE polas súas discrepancias coa nova dirección, tanto galega como provincial, e Espazo Común é o partido promovido polo exalcalde do Carballiño ao que se teñen unido exconcelleiros do PSOE na provincia, de xeito salientable os tres membros do grupo do goberno carballiñés que abandonaron o partido para ir ao grupo de Non Adscritos. Como candidato de Espazo Común á alcaldía do Carballiño, Pachi Vázquez competirá coa persoa á que promocionou e apoiou para chegar a ser alcalde da vila, o socialista Francisco Fumega. O actual rexedor será o candidato do PSOE para optar á reelección.