Dar Trela dende O Carballiño

La Voz

O CARBALLIÑO

miguel villar

O novo grupo de teatro afeccionado da vila escenificará o pregón do Setembro

05 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

«Dar Trela ten varios significados. Significa dar conversación, dar ánimo, deixar expresar libremente, dar que falar e namorar. Por iso o que queremos é dar conversación, dar ánimo, expresarnos libremente, dar que falar e namorar». Con estas palabras explicou Chicho Carballido o nome elixido polos integrantes do novo grupo de teatro creado no Carballiño. Dar Trela foi presentado no salón de actos do Concello polos sete membros que compoñen a súa directiva: José Ángel Otero (presidente), Chicho Carballido, Rita Freigenedo, Rubén Martínez, Clara Vázquez, Xabier Nóvoa e Darío Anxo Rodríguez. Os proxectos máis inmediatos pasan por citas a desenvolver nestas dúas próximas semanas: a representación da baixada da Pepa Loba (día 8) e o pregón das Festas do Setembro (día 14). Para a primavera teñen previsto abrir a Casa Roxelia, un espazo xunto ao río Arenteiro e a Ponte de Toscaña que acollerá propostas de microteatro. Serán para un público limitado e os espectadores deberán moverse polos diferentes lugares da casa para asistir ás obras.

Feira-festa da Pepa Loba

Xunto á fonte de Flores presentouse onte a feira-festa de artesanía da Pepa Loba, a celebrar do 7 ao 9. A baixada da Pepa Loba, o sábado, incluirá este ano moitas novidades e haberá homenaxe ás rosquilleiras.