«Faime moita ilusión presentar a novela onde naceu meu pai»

E. Filgueira OURENSE / LA VOZ

O CARBALLIÑO

LUCÍA JUNQUERA

O escritor Lito Vila manterá esta tarde un encontro cos lectores na libraría Escolma, en O Carballiño, ás 20.00 horas

09 ago 2018 . Actualizado a las 12:31 h.

Naceu en Alemaña, en 1978, por causalidade da emigración dos seus pais. Mais voltaron ao pouco a Galicia e Lito Vila creceu en Santiago de Compostela. Nesa época universitaria na que estudou Filoloxía Xermana e Hispánica é onde está ambientada a súa primeira novela para lectores adultos que publicou con Galaxia: «Campus Morte». Na actualidade traballa en Alemaña dando clases nun instituto no que ensina castelán. Esta tarde manterá un encontro co público na libraría Escolma de O Carballiño, ás 20.00 horas.

-Ten experiencia na literatura xuvenil en Alemaña, onde traballa como mestre e publicou varia novelas. Como foi o salto á literatura para adultos?

-Houbo un «boom» do español a partir do ano 2007 e comecei colaborando cunha editorial xermana ubicada en Berlín. Había carencia de material en castelán para mozos e ofrecéronme a posibilidade de escribir novelas xuvenís. O salto á literatura adulta foi a través de Francisco Castro, director de editorial Galaxia, que me plantexou escribir algo en galego. Mandeille tres capítulos de «Campus Morte» e gustáronlle, así que me animou a seguir.

-Atopou diferencias á hora de escribir?

-Non atopei dificultades no proceso. Todo o contrario. Síntome moito máis cómodo traballando sen corsés gramaticais nin léxicos como cando escribo literatura xuvenil. Saíu máis fluido e puiden escribir o que realmente me apetecía. Guste máis ou menos, tiven a oportunidade de contar o que quería.

-Santiago de Compostela é case un protagonista máis na historia...

-Boto de menos Santiago e síntoa como a miña cidade. Penso que un escribe sobre os lugares nos que lle apetecería estar ou viaxar. Creo que iso se nota na trama e, salvo algúns momentos históricos concretos, non precisei documentarme para recrear o ambiente da urbe a finais dos anos noventa e principios do siglo vinteún. Do que bebín foi da miña propia experiencia vital na cidade.

-Como xurdiu a idea da novela?

-Foi unha noite, despois de sair pola capital galega e acompañar a una amiga á súa casa. Pasei pola carballeira na que aparece o corpo na historia e pensei que é un sitio turbio no que se desaparecía alguén non sería doado de atopalo. Co paso do tempo traballei en profundidade a idea e saíu «Campus Morte».

-Que supón para vostede presentar a novela no Carballiño?

-Pese a que os meus pais emigraron, os meus avós permaneceron no Carballiño e o vínculo coa vila mantívose ata agora. Faime especial ilusión presentala aquí porque o meu pai naceu en Carballiño e ademáis hoxe cumpriría 70 anos. Tamén dediqueille a novela a el, que foi o profesor máis grande que tiven na miña vida.