Xociviga premiou a traxectoria profesional de Manuel Villanueva e Mela Casal

Noemí Chantada, co seu traballo «La mujer invisible», gañou o primeiro premio do concurso XC CurtasoPrima

.

As Xociviga incorporaron onte a súa nómina de premiados a dúas persoas cunha ampla e recoñecida traxectoria no mundo do audiovisual galego. No caso dun deles, Manuel Villanueva, a presenza no Carballiño para recoller a distinción tivo un valor engadido e simbólico. Ás Xornadas volvía, moitos anos despois, o xornalista que acudira en tempos ao certame audiovisual como traballador da Radio Autonómica Galega. A outra distinción recaeu nunha actriz que leva desenvolvido unha ampla carreira profesional no teatro, na televisión e no cine: Mela Casal.

 

Gala no Manuel María

As Xociviga 2018 incorporaron unha novidade con respecto aos seus trinta e cinco anos de historia: a celebración dunha gala para proceder á entrega dos premios do certame, tanto no que se refire aos honoríficos como aos do concurso de curtas e óperas primas. O acto desenvolveuse no Auditorio Manuel María e contouse coa presenza da actriz carballiñesa Iria Sobrado como presentadora da gala. O rexedor municipal, Francisco Fumega, fixo entrega da «Insignia de ouro das Xociviga» a Manuel Villanueva, director xeral de contidos de Telecinco e Mediaset España, e da «Xociviga de honra» a Mela Casal, actriz e dobladora que ten participado en montaxes do CDG e de varias compañías galegas, en series da TVG, TVE e Antena 3 -«Fariña» é a máis recente- e en case que vinte longametraxes -entre elas «A Esmorga» ou «El club de la calceta»-. As laudatios de Villanueva e Casal correron a cargo de Carlos Rodríguez e Mariana Carballal, respectivamente.

 

Mediaset e curtas

Na gala tamén se procedeu a entregar os premios do concurso de curtas e óperas primas das Xociviga. Os galardóns do XC CurtasoPrima foron para Neomí Chantada, que levou o primeiro premio por «La mujer invisibe», Arancha Álvarez Brandín -que conseguiu o segundo co traballo «Cando mamá pechou as caixas»- e Sara Casasnovas, terceiro premio con «Escarabana». Os galardóns foron concedidos por dous xurados, un profesional e un non profesional, que se reuniron onte no Concello do Carballiño.

No acto celebrado no Auditorio Manuel María contouse coa presenza de Arantxa Écija, directora de programas de ficción de Mediaset España. No marco das Xociviga Écija presentou algunhas das novidades que se poderán ver na grella de Telecinco a partir de setembro. Proxectáronse imaxes da nova tempada de «Vivir sin permiso».

Tamén se pasou o documental «Pasado, presente e porvir das Xociviga», de Manuel Souto, Andrea Area e Jonathan Toucedo.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Xociviga premiou a traxectoria profesional de Manuel Villanueva e Mela Casal