Carlos Velo regresa ás Xociviga

La Voz OURENSE / LA VOZ

O CARBALLIÑO

xmr

O Carballiño e a fundación de Cartelle organizan as actividades sobre o director

31 jul 2018 . Actualizado a las 17:23 h.

As Xornadas de Cine e Vídeo en Galicia adican este ano un especial protagonismo a Carlos Velo. Unha mostra fotográfica e un catálogo no que se recollen as imaxes da súa derradeira viaxe a Galicia -a que fixo para participar na homenaxe que lle renderon as Xociviga de 1985-, a proxección de varios dos seus documentais e un encontro audiovisual arredor da súa figura no que participarán profesores de varias universidades de Galicia e da mexicana de Puebla son as actividades que se inclúen nas Xornadas deste ano.

Unhas iniciativas que se materializan nestas Xociviga 2018 en base a un convenio de colaboración entre o Concello do Carballiño e a Fundación Carlos Velo. O alcalde, Francisco Fumega, e a presidenta da fundación, Carmen Leyte, ratificaron o documento nun acto que se desenvolveu no Auditorio Manuel María. En base ao acordo a exposición e o encontro serán asumidos polo Concello, como organizador das Xociviga, e a Fundación Carlos Velo será a responsable da publicación da memoria gráfica das Xornadas que homenaxearon a Velo e a proxección das catro obras do realizador -que se puideron ver onte no auditorio carballiñés-.

Na sinatura do convenio Fumega e Leyte lembraron que a figura e a memoria de Velo quedaron para sempre vencelladas ao Carballiño ao ser as Xociviga o espazo que acolleu a derradeira homenaxe de Galicia ao director, que finaba en marzo de 1988 en México, e que a colaboración entre as partes terá continuidade no futuro en novos proxectos e iniciativas vencelladas ao legado do realizador.

Logo da sinatura do acordo procedeuse a inaugurar a mostra coas imaxes das Xociviga 1985 e o catálogo da exposición. No mesmo recóllense as imaxes daquel ano realizadas por Alfonso e Francisco Fumega -o actual alcalde- para o Cineclub Carballiño e colaboracións de persoas que participaron naquelas Xornadas: Miguel Anxo Fernández, Luís Álvarez Pousa, Emilio Carlos García Fernández, Manolo González, Laura Gárdos Velo, María Jesús Blanco Piñeiro, Xosé Manuel Beiras, Xosé Carballido e Carlos Rodríguez Calvo. A publicación inclúe tamén un artigo de Carmen Leyte.

As Xociviga ofrecen hoxe o pase de catro películas no Auditorio Manuel María.