Xociviga acollerá un encontro audiovisual Galicia-México

Lucía MArtínez / X. M. R.

O CARBALLIÑO

MIGUEL VILLAR

O certame proxectará arredor de corenta obras para celebrar a maridaxe histórica entre O Carballiño e o cine

28 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Este ano celébrase o trinta e cinco aniversario das Xociviga, cita indispensable dentro do marco do panorama audiovisual galego. A presentación tivo lugar onte na casa do Concello de O Carballiño, onde se citaron Diego Fernández Nogueira, concelleiro de Cultura, e Carlos Rodríguez Calvo, da comisión asesora. O festival deste ano conta cunha programación de carácter internacional: «Imos presentar un dos programas con maior interese dos últimos anos», explicou Carlos Rodríguez.

Os actos desenvolveranse entre o 29 de xullo e o 2 de agosto no auditorio municipal Manuel María, onde se proxectarán arredor de corenta filmes, entre longametraxes, documentais, curtas e tráilers, dirixidos a un público de todas as idades. Dentro da variedade de actividades programadas pódense destacar tres actos importantes.

Por un lado, a homenaxe ao cineasta Carlos Velo, mediante unha mostra fotográfica e a visualización de catro dos seus filmes. Por outra banda, a gala do festival, na cal se entregarán os premios Xociviga de Honra, Insignia de Ouro e máis o CurtasoPrima. Por último, un encontro universitario entre México e Galicia, co obxectivo de establecer un convenio de colaboración entre as universidades en materia do audiovisual, coordinada pola Fundación Carlos Velo.

Ademais da visualización de filmes de gran éxito como a galardoada «Dhogs», os asistentes a gala -totalmente gratuíta- poderán ver en exclusiva material inédito de futuras ficcións de Mediaset, como por exemplo un tráiler da popular serie «La Verdad».