A Festa do Pulpo quere repetir o éxito e as marcas do 2017

La Voz OURENSE / LA VOZ

O CARBALLIÑO

xmr

A cita homenaxeará ao Centro do Carballiño en Bos Aires

17 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A Festa do Pulpo do Carballiño é a maior cita gastronómica das que se celebran en Galicia. Unha convocatoria que chega aos seus 56 anos de historia con dous obxectixos ben claros: manter a capacidade de convocatoria do pasado ano e seguir na liña de homenaxear en cada edición a un país ou cidade de acollida aos emigrantes da comarca. E na edición deste 2018 a efeméride non ten obxecto de discusión: o Centro Partido do Carballiño cumpre neste 2018 o seu centenario e a entidade que representa aos emigrantes da comarca en Arxentina será recoñecida e homenaxeada na festa que se celebra o segundo domingo de agosto no parque municipal.

O poder de convocatoria é importante, aínda que o alcalde Francisco Fumega incidiu onte na presentación que «máis alá das cifras do pasado ano -onde se venderon 60.000 quilos de polbo, se contou coa presenza de máis de 100.000 persoas e se venderon 150.000 racións- a aposta é pola calidade porque O Carballiño conta coa romaría gastronómica máis importante de Galicia e, ademais, celébrase nunha paraxe marabillosa. Que, por certo, tamén celebra agora o seu centenario». Fumega Piñeiro tamén salientou a aposta do Concello por conseguir o recoñecemento de «festa de interese turístico internacional».

A delegada da Xunta, Marisol Díaz Mouteira, salientou o poder de convocatoria que ten a Festa do Polbo e anunciou que se viña de asinar un convenio de colaboración entre o Concello do Carballiño e a Xunta para potenciar a festa. Dende a Deputación de Ourense o seu portavoz, Rosendo Fernández, reafirmou o compromiso da institución cunha cita como a do Carballiño.

De Mikel Erentxun ao récord

Ademais de salientar o apoio dos patrocinadores, de Abanca a Pan de Cea, procedeuse a presentar o programa de actividades. Será do 1 ao 11 e incluirá dende a festa das camisetas das peñas do Pulpo á cita para tentar superar o récord da tapa de polbo máis grande do mundo, pasando polo concerto de Mikel Erentxun.