O Carballiño terá citas culturais todo o mes para potenciar as Letras Galegas

La Voz OURENSE / LA VOZ

O CARBALLIÑO

Santi M. Amil

Obradoiros, teatro, monólogo de Carlos Blanco e a RomeríaRock Arenteiro, entre as actividades

26 abr 2018 . Actualizado a las 16:10 h.

O Concello do Carballiño desenvolverá durante todo o mes de maio un amplo programa de actividades culturais para potenciar e reforzar a convocatoria do Día das Letras Galegas. A programación inclúe propostas de teatro, concertos, festival de rock, monólogos, sesións de cine, obradoiros e outras actividades e foi presentada onte polo concelleiro de Cultura carballiñés, Diego Fernández. As representacións teatrais comezarán o 5 de maio coa representación de Señora que pasea pola rúa con dous cans preciosos. O programa inclúe a presenza de grupos os días 6, 13 e 19 dentro da Mostra da Escola Municipal de Teatro. O conservatorio ofrecerá o 15 un Concerto das Letras no Auditorio Manuel María e no mesmo lugar haberá o 27 unha mostra de danza. Na Biblioteca haberá sesións de contacontos e obradoiros.

Monólogo de Carlos Blanco

Para o 12 de maio está previsto un monólogo de Carlos Blanco e o 26 celebrarase a primeira RomeríaRock Arenteiro, no parque municipal. A asociación O Potiños ofrecerá varios talleres e mostras de fotografía.