As Xociviga quedan fóra das axudas aos festivais audiovisuais da Consellería de Cultura

La Voz OURENSE / LA VOZ

O CARBALLIÑO

x. m. r.

O certame do Carballiño celebra este ano a súa trixésimo quinta edición

14 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

As Xornadas de Cine e Vídeo de Galicia (Xociviga) non contarán este ano con subvención da Consellería de Cultura da Xunta. Agadic, a Axencia Galega das Industrias Culturais, facía pública recentemente a súa decisión e no reparto da partida de 140.000 euros en axudas para os festivais audiovisuais galegos non figura o certame do Carballiño. O xurado que procedeu a valorar as propostas decidiu elexir como beneficiarios aos proxectos Play-Doc, Curtocircuíto, Festival de Cans, (S8), FICBUEU, Carballo Interplay, Mostra de Cinema Etnográfico e Chanfaina Lab. Na súa decisión Agadic sinalou que «a Xunta apoia o seu labor de difusión nos xéneros e formatos nos que están especializados, dentro dos que se incorporan este ano os contidos dixitais». Na relación de certames figuran por vez primeira citas como o Carballo Interplay, Chanfaina Lab e Museo do Pobo Galego. As axudas concedidas oscilan entre os 28.863 euros do Play Doc de Tui aos 3.553 euros do Chanfaina Lab de San Sadurniño.

Coa concesión das axudas, Agadic aposta por traballar co obxectivo de «apoiar o labor de difusión deste tipo de certames nos diferentes xéneros e formatos audiovisuais nos que están especializados: documentais, curtas, cinema experimental, etnográfico, etc. Ademais e por primeira vez este ano, xunto cos traballos cinematográficos, apóiase a promoción dos contidos específicos para as plataformas dixitais a través da subvencións concedida ao Carballo Interplay».

As Xornadas de Cine e Vídeo en Galicia naceron en 1984 da man da Consellería de Cultura e neste 2018 celebrarán a sua trixésimo quinta edición. Na pasada convocatoria, a do 2017, Agadic concedeu unha axuda de 3.000 euros ao certame audiovisual do Carballiño.

Ourense e Verín

Na convocatoria de axudas da Xunta a festivais do sector audiovisual para o presente ano non figuran dúas das citas que se desenvolven na provincia de Ourense: as da cidade e Verín. O certame da cidade, o OUFF, conta cun convenio propio co Agadic e daquela xa non se presenta á convocatoria que se resolve por concorrencia competitiva. O festival de Verín non se presentou á convocatoria ao non poder facelo pola normativa da mesma, xa que as bases esixen que os proxectos conten cun mínimo de tres anos de existencia e só van dúas edicións. O director do mesmo, Carlos Montero, sinalou que «contamos cunha axuda puntual e estamos traballando para crear unha plataforma de festivais para xestionar as axudas».