«O novo disco ten un son moito más roqueiro que o do noso último traballo»

javier moro

O CARBALLIÑO

cedida

A banda liderada polo carballiñés presenta «Proletarios do rock ?n? roll» en Compostela

13 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O carballiñés Roberto Sobrado presenta co seu grupo o novo traballo. O concerto será en Compostela mañá e os que desexen coñecer os temas do disco «Proletarios do rock ‘n’ roll» teñen unha cita no Dadó Dadá o sábado ás 21.30 horas. Volve Roberto Sobrado grupo cunha renovada sección rítmica, onde o saxo e a voz cobran máis protagonismo ca nunca, e cunha formación con Sobrado (telecaster e voz), Germán Da Ponte (saxos), Euxenio (batería e coros) e Nuno Pico (baixo eléctrico e coros). Máis de dúas décadas de carreira e cinco discos, seis con este, avalan a traxectoria do músico do Carballiño.

-Con que se vai atopar a xente neste «Proletarios do rock ‘n’ roll»?

-O título do disco define perfectamente o que está aí e co que se vai atopar quen o escoite, ou quen veña á presentación, é un son moito máis rock que no último traballo, que era máis interior. É un rock bluseiro. Para ilustralo: nalgunha ocasión nos teñen alcumado, por comparación, como o Bruce Springsteen galego.

-Iso é moito?

-Explícome. Bruce Springsteen é unha persoa que pode coller a súa guitarra, e pode facer un disco como «Nebraska», porque no fondo é como un cantautor que está apoiado por unha banda na que arranxan os temas entre todos e consiguen daquela o son máis roqueiro. Coas raíces na súa tradición do folk, o blues e o rock. Ese é son que nos gusta a nós, o do telecaster. E quen escoite «Proletarios do rock ‘n’ roll» non vai atopar que soe a Springsteen, pero ten algo de rock, de blues... hai que escoitalo.

-Vostede sempre coidou de maneira especial as letras.

-Aí está todo o que nos preocupa, o que nos molesta, o que nos emociona e o que vivimos. O título do traballo é transparente: nós somos deses grupos que están tamén acostumados a ensaiar nos garaxes, a cargar a furgoneta cos amplificadores e a ir tocar onde vemos que hai gañas de escoitarnos para levar un pouco de emoción, transcendencia e protesta. O dereito ao «pataleo» creo que é algo moi propio e que hai que ter sempre presente; sexas cantautor, roqueiro, «hip-hopeiro» ou o que sexa.

-Pensar distinto senta mal?

-Si. Mais os cantautores nunca deixamos de estar aí. Entendendo por cantautor o modelo actual, que non é ese que lle canta «a la luna, las estrellas y a tus ojos sin par». Alguén que fai hoxe hip hop, ou rap o rock é máis cantautor que ese esquema retrógrado.

-Presentación en Santiago?

-Levo moito tempo en Santiago, son picheleiro de adopción, e os membros do grupo son de aquí. No Carballiño presentamos en maio, aínda que non teño pechada a data.