As plantas medicinais e a tradición popular

rebeca carreiro MEDIO AMBIENTE

O CARBALLIÑO

miguel souto

Sustinea defende o uso dos recursos que ofrece o medio ambiente para curar algunhas doenzas

16 abr 2018 . Actualizado a las 10:55 h.

De pequena era coma un fedello, todo o día correndo e brincando dun lado para outro. Así foi, que unha tarde de verán aos meus 8 anos, detrás da praza Maior do Carballiño, un grupo de rapaces puxémonos a xogar saltando as escaleiras dun altiño que alí había. O reto consistía en ir saltando de cada vez máis escadas cun só brinco. Tanto repetimos a manobra que nunha desas caín mal, apoiando todo o peso do corpo sobre o nocello do pe dereito. Quedou deformado ao momento e comezou a engordar como unha morcilla. Como a dor, na vez de amainar, cada vez era máis intensa, á caída da noite a avoa e a miña nai leváronme ao atador de Cabanelas, que vivía neste mesmo pobo, nunha casa pequena á beira da estrada. Tiña sona como compoñedor e viña xente de lonxe a reclamar os seus servizos. Mandoume sentar nun tallo, puxo un pano no seu xeonllo e coloquei o pé enriba. Refregou suavemente o nocello cunha untura con plantas e unto que comezou a manipular coas súas mans: «Tivo sorte de non romper, é só unha escordadura». Despois duns minutos fixo un movemento brusco e o nocello volveu ao seu sitio, dando un estalo. Envolveuno nun pano, e mandoume estar dous días coa perna en alto, sen facer nada, e listo, curoume rápido e limpamente.

A partires desta vez, os meus ollos abríronse e comecei a ver a miña avoa como cada dous días, facía unha herbas fervidas que envasaba en botes para ir bebendo ao longo dos días. Usaba, e por sorte aínda usa, en torno a 20 plantas que separaba segundo as doenzas a tratar. E dun xeito cotiá fun aprendendo e herdando estas marabillosas costumes. É interesante ver como a medicina popular está novamente de actualidade e as persoas entenden que a medicina química, a pesar da súa importancia, centrase na cura sintomática e non na orixe do mesmo, polo que as dúas deberían ir da man. Xa hai miles de anos que os nosos antepasados souberon curar as nosas doenzas na orixe das mesmas recorrendo á natureza.

E se a recuperamos?

En Ourense podemos ver que moitos dos coñecementos sobre o uso das plantas medicinais estiveron presentes nas boticas dos mosteiros, na formación dos boticarios e na cultura popular que durante séculos fusionou a medicina de raíz hipocrática coas solucións curativas de corte máxico ou bruxeril. Frades bieitos coma Martín Sarmiento puxeron de manifesto nos seus escritos prácticas relixiosas heterodoxas que se vivían nas aldeas ourensás do século VI.

Preguntade nas casas se lembran ás mapoulas e a mandrágora, con documentados efectos narcóticos e que foron moi empregadas como anestésicos na cirurxía. A mandrágora ten unha longa tradición e está moi asentada no imaxinario popular. A forma da súa raíz foi asimilada á figura humana e pensábase que provocaba a morte instantánea da persoa que a arrincaba. Deseñáronse medios substitutivos, aínda que insolidarios para evitar este fatal desenlace, como atar a planta a un can famento e tirarlle un anaco de pan ao animal, para que extraera a raíz. O uso das plantas era moi extenso e poderíamos facer unha breve achega á utilización das herbas na medicina popular galega, das que máis uso tiñan, e das que hoxe en día se consumen sen saber as propiedades que teñen como é o allo, considerado como unha medicina moi boa para os leprosos. Utilizábase tamén contra a indixestión, os arrefriados e a asma. Un antigo remedio contra a tose dicía que era bo poñer allo nos zapatos. A borraxe usábase moito en comidas para conseguilo benestar do corazón e alivialas penas. As súas follas empregábanse nas ensaladas, para estimular e aclarala mente. Para confortalo corazón e mailo cerebro debíase tomar unha infusión de borraxe, xarxa e un pouco de romeo. Para mellorala vista recomendábase tomar o fiúncho dúas veces ao día. Tamén foi un remedio para mellorala pel. Unha infusión feita coas súas follas ou sementes axuda a eliminalos grans. A herba dos carpinteiros foi unha planta moi apreciada na medicina popular por ser moi útil para problemas do aparello respiratorio, mellorar a circulación do sangue, a gastrite, os síntomas da menopausa e as dores menstruais. E a tan infravalorada estruga era boa para a pel cansada, xa que é adstrinxente e produce unha sensación refrescante.

Plantas que non estaban en ningún supermercado, eran silvestres, polo tanto de balde. Hoxe en día podemos facelo igual, ao mesmo tempo que saímos dar un paseo podemos recoñecelas e colectalas para aproveitar e facernos unha boa botica para o outono e o inverno.

As plantas medicinais era o terreo dos curandeiros, as sabias... A medicina popular de Galicia estaba chea de actores que interviñan de xeito activo na procura da saúde, pero é unha actividade que non precisaba distinción, nin sequera simbólica. A súa ciencia estaba respaldada de xeito inconsciente, pola cultura herdada e polo uso das plantas a través de séculos de historia. Na actualizade, o estudo e uso das plantas medicinais está moi mellorado, mestura de necesidade e casualidade, de ensaio e erro, o paso das diferentes culturas creando todo un coñecemento de remedios vexetais que constituíu a base da medicina moderna.

Un patrimonio que non pode atribuírse a ningunha cultura en particular senón ao ser humano na súa globalidade e que nos corresponde a todos e todas coñecer e conservar.

Primavera na Horta Alfádega

O vindeiro día 22 de abril estaremos festexando a Festa de Primavera para conmemorar o Día Internacional da Terra na Horta da Alfádega, dende as 11.00 horas. Teremos un obradoiro de biodanza, obradoiros infantís, xantar comunitario, petiscos saudables e un concerto con instrumentos como o hang, guitarra, tambor, kotamo... Un día para gozar ao aire libre en boa compaña.

Sustinea é unha asociación medioambiental que traballa en prol ao desenvolvemento sostible. Fano mediante proxectos e programas de educación ambiental e estudando o noso medio para buscar solucións ás súas problemáticas. Ao longo do ano leva a cabo diversas actividades, dende voluntariado ambiental, campos de traballo, campañas de sensibilización, actividades en familias, roteiros temáticos, campamentos ambientais, intercambios xuvenís europeos ou estudos de fauna e flora, entre outros.

 

Máis información www.sustinea.com