Diego Fernández: «A Festa da Cachucha é un referente do entroido en Galicia»

xosé manoel rodríguez OURENSE / LA VOZ

O CARBALLIÑO

Santi M. Amil

A vila acollerá o Domingo de Piñata a cita gastronómica, que no 2019 cumprirá os seus 25 anos

16 feb 2018 . Actualizado a las 14:30 h.

O Carballiño celebrará este domingo unha nova edición da Festa da Cachucha. Unha cita que xa forma parte do circuíto gastronómico do entroido e que ofrecerá un amplo programa de actividades para contar con animación durante toda a xornada. Son vintetrés os restaurantes e mesóns onde se poderá xantar o menú da festa o día 18.

-Con que previsión traballan?

-A festa está indo a máis nos últimos anos e agardamos mellorar o poder de convocatoria. A resposta é moi boa, polo que nos din dende os locais que participan, e cremos que imos encher. A Festa da Cachucha é un referente do entroido en toda Galicia e unha cita consolidada.

-Nos establecementos que participan na festa?

-Na hostelería en xeral. É certo que ese é o número de mesóns e restaurantes que están vencellados á festa, pero o domingo poderase degustar o menú tamén noutros locais.

-En que consiste e a que prezos se poderá atopar?

-O xantar é a base de cachucha e cocido. E logo cada sitio aporta o que considera mellor para facer o seu menú máis atractivo para os clientes. Os prezos oscilan entre os 12 e os 25 euros.

-Dende o Concello apostan por dinamizar a xornada?

-Ese é o obxectivo co que traballamos as concellerías que estamos implicadas na festa e haberá actividades durante todo o día. Dende pola mañá, que comezará a animación, ata a madrugada. Para iso temos verbena coa orquestra Gran Parada.

-Que participacións teñen confirmadas no gran desfile do domingo?

-Estarán sete das comparsas que formaron parte do desfile co martes de entroido, outras sumaranse ese día e contaremos tamén con catro folións que virán dende a comarca de Valdeorras para animar a festa.