Feijoo, de visita na Fontela

Xosé M. Rodríguez ANACOS

O CARBALLIÑO

28 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Tempo de desexos, de ilusións, de moitos balances e boas intencións de futuro, de amizade e de cartas sen destino coñecido. No poblado xitano da Fontela de certo que lle mandaron tamén unhas letras a quen se encargue de apañar os mandados para o vindeiro 2018. Nelas pedían, poño por caso, que o presidente da Xunta lles faga unha visita para que coñeceza as condicións nas que viven nesa terra de ninguén que está en Maside e os fai vivir a cabalo dese concello e do municipio do Carballiño. E por pedir, nunca se pide de máis, tamén meteron nos seus desexos para o novo ano que Feijoo aproveite a visita e lles diga cal é a causa pola que non inviste o que mete en orzamentos para erradicar o poboado e crear unha zona de vivendas onde realoxalos. E por que se non ten intención de cumprir o prometido os enganan sempre con esas mensaxes de ilusión que lles trasladan cada tanto de que os tempos son chegados.

O soñar non ten cancelas, e os xitanos saben que nin a súa patroa, a virxe negra francesa, é quen de facer que o presidente da Xunta adique o tempo que lle leva tomarse un café a escoitar as súas demandas. Mais seguirán reclamando un espazo a xeito onde vivir, que se cumpran as promesas do tan gabado plan autonómico de erradicación do chabolismo e que algún dos dous proxectos redactados para A Fontela se faga realidade canto antes.

Na marea dos desexos para o 2018 irán as demandas dos xitanos, aínda sabendo que ninguén poderá dicir nunca que Feijoo estivo de visita no poblado de A Fontela.