O IES Chamoso Lamas do Carballiño participa nun proxecto de cine internacional

La Voz OURENSE / LA VOZ

O CARBALLIÑO

cedida

O profesorado conta co apoyo do Centro Galego das Artes da Imaxe nesta iniciativa

12 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O instituto Manuel Chamoso Lamas do Carballiño desenvolve dende hai anos iniciativas vencelladas ao mundo da fotografía e o cine. Os proxectos educativos, nos que se implican os profesores e profesionais dos sectores audiovisuais, teñen conseguido varios recoñecementos e premios. Nos últimos anos no marco do proxecto Cinema en curso, unha iniciativa que naceu en Cataluña e que na actualidade ten dimensión internacional. Galicia sumouse ao movimento da man do CGAI e o OUFF 2017 concedeu o Premio Cidade de Ourense ao proxecto.

Agora, neste curso 2017-2018, os alumnos de 4º da ESO do Chamoso Lamas participan en CiNed, un proxecto internacional de cine educativo. A nova iniciativa na que se ten implicado o centro educativo carballiñés trátase «dun programa de cooperación europea que ten como obxectivo que rapaces de entre 6 e 19 anos descubran a riqueza do cine europeo de autor a través dunha serie de proxeccións sen finalidade comercial».

No caso dos alumnos do instituto as sesións -que xa comezaron co pase de El espíritu de la colmena, de Víctor Erice- desenvólvense no Auditorio Municipal Manuel María grazas á colaboración da Área de Cultura do Concello, que cede as instalacións para tal fin. E tamén do Cineclube Carballiño, que aporta o personal técnico necesario para levar a cabo as proxeccións.

Materiais didácticos

O programa CiNed inclúe a participación dun director de cine, que será o encargado de comentar na propia sala as películas, e os pases irán acompañados dunha serie de materiais didácticos para traballar na aula. O obxectivo é «espertar o interese polo cinema entre os mozos e mozas, así como potenciar a súa capacidade de comprensión e reflexión». Pola súa banda o profesorado recibe ademais unha formación complementaria no CGAI.