Pecha a Casa Gazpara, un dos locais históricos do Carballiño

La Voz OURENSE / LA VOZ

O CARBALLIÑO

MIGUEL VILLAR

O local reabrirá cun proxecto liderado por Manuel Domínguez

03 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A Casa Gazpara foi, e seguirá a ser, un dos espazos simbólicos do Carballiño. O restaurante ao pé do Concello, fronte á Fonte do Cárcere, forma parte da historia da vila dende a súa apertura. Espazo de encontro na súa condicións de taberna, casa de comidas co polbo como referencia estrela, foi tamén o berce dalgúns dos proxectos literarios e culturais que foron quedando na memoria colectiva do pasado século. Alí se xuntaban os mozos que participaban nos encontros do grupo Tasca e literatura, liderados polo que daquela era un mozo que exercía de secretario e que co paso do tempo se converteu en escritor e, profesionalmente, en Oficial Maior do Parlamento de Galicia -na etapa constituinte e nos primeiros anos do mesmo- e logo en asesor da Cámara galega: Xosé Fariña Jamardo (Caldas de Reis, 1919 - Madrid, 2008).

Logo de diferentes etapas, ao deixar a xestión do mesmo a familia propietaria, nos últimos vinte anos A Gazpara foi o espazo de referencia onde atoparse coa comida caseira e co polbo que cocía cada día un dos históricos dos polbeiros de Arcos, Camilo Lage, O Ruzo. El e a súa muller, Carmen Rodríguez, foron os encargados de preparar os cincocentos kilos de polbo que se coceron na Habana en 1991, na histórica visita de Fraga a Cuba. Daquela a chamada «embaixada gastronómica carballiñesa» incorporaba a augardente de Cabanelas -elaborada por José Carreiro- e os pratos de madeira elaborados por Francisco González. O «coordinador» da operación foi o alcalde, Argimiro Marnotes. Camilo Ruzo viviu o sábado a súa derradeira feira na Gazpara, aínda que o adeus do restaurante é temporal.

Un cociñeiro Michelín

O novo proxecto para a Casa Gazpara chegará da man do cociñeiro carballiñés Manuel Domínguez, que conta cunha estrela Michelín no seu restaurante Lúa de Madrid. O edificio será remodelado na súa totalidade -o restaurante só ocupaba a pranta baixa, das tres que ten- e as previsións pasan por abrir de novo ao público na próxima primavera

.