O Setembro vive o día grande co Feirón e a tirada de fogos

La Voz OURENSE / LA VOZ

O CARBALLIÑO

Santi M. Amil

A feira de artesanía inclúe a Baixada da Pepa Loba a Flores

16 sep 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

As Festas do Setembro do Carballiño celebran hoxe o seu día grande, a data na que coinciden as festas patronais cunha das feiras máis importante do ano -O Feirón-. Mercado e festa que suman outro atractivo: o de celebrarse en sábado. Unha circunstancia que levou ao Concello do Carballiño e á comisión organizadora a programar unha ampla actividade para potenciar a xornada e para animar o día de feira. Ademais de ser a data que acollerá a única das tiradas de fogos previstas para este ano.

A animación comezará a primeira hora e ás 12.00 horas poderase disfrutar dun gran concerto de zarzuela na praza Emilia Pardo Bazán. A actividade correrá a cargo da banda de música A Lira de Ribadavia e das corais Orfeón do Carballiño, Coro de Cámara Club Artístico de Ribadavia e Coral Polifónica Ecos del Avia.

Outra formación vocal, a Coral Casablanca de Vigo, será a encargada de ofrecer un concerto no Auditorio do Carballiño. Será a partir das 20.00 horas e a agrupación dirixida por Óscar Villar Díaz estará acompañada pola pianista Lucía Pestana Hernández e o teclista Guillermo García Lomba. Á mesma hora comezará a escenificación da Baixada da Pepa Loba a Flores, onde se celebra a feira de artesanía.

A verbena da praza Maior estará amenizada polo grupo Claxxon e na praza Pardo Bazán poderase ver o espectáculo de Le Suite Band en homenaxe á música dos anos 80 (00.30 horas).

Pirotecnia Josman será a encargada da tirada de fogos, que comezará á medianoite na entrada do parque municipal. Será a única sesión do Setembro 2017.