O Instituto de Estudios Carballiñeses homenaxea ao prestixioso filósofo Mario Bunge

La Voz OURENSE / LA VOZ

O CARBALLIÑO

Miguel Villar

O colectivo edita un número especial, que presentará o día 23, con colaboracións de investigadores de todo o mundo

07 sep 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O prestixioso filósofo, científico e epistemólogo Mario Bunge (Bos Aires, 1919) cumplirá o vindeiro día 21 os seus 98 anos e pouco despois -o sábado 23- o Instituto de Estudios Carballiñeses presentará o número especial da súa revista Ágora do Orcellón que rende homenaxe a este intelectual de referencia pola actividade profesional desenvolvida ao longo dos séculos XX e XXI.

Mario Bunge exerceu a docencia en Filosofía en Arxentina, Uruguai, México, EE.UU., Alemaña, Dinamarca, Suíza e Australia, e nos últimos anos ocupou a Cátedra Frothingham de Lóxica e Metafísica na Universidade McGill, de Montreal (Canadá). Na cidade canadense é onde reside na actualidade.

Ao longo da súa dilatada traxectoria estudou e publicou temas filosóficos relacionados coa semántica, ontoloxía, gnoseoloxía, metodoloxía da investigación, praxioloxía, ética e política, así como bioloxía, psicoloxía, ciencias sociais, lóxica e matemáticas. Ao longo destes anos foi recoñecido con vinteún doctorados honoris causa e catro profesorados honorarios en universidades de todo o mundo.

 Primeira vez en galego

O número 32 da revista Ágora de Orcellón, de máis de 420 páxinas, conta coa colaboración de 37 intelectuais de Europa e América e a cuberta da publicación foi creada polo pintor Antón Pulido. Mario Bungue foi nomeado no 2015 socio de honra do colectivo que preside Avelino Muleiro e a publicación inclúe un texto do propio homenaxeado. Entre outros aspectos salientables, será a primeira vez que se publique en galego a obra de Bungue.

 

Para a presentación que terá lugar o vindeiro día 23 en O Carballiño o propio filósofo mandou unha mensaxe de agradecemento, gravada en vídeo, que será proxectada no acto.