Antoloxía vivente do viaxar

Empresa Montañesa leva noventa anos percorrendo carreteiras e esquivando obstáculos


ourense / la voz

Cando lle preguntan a Manuel Carballeda que como é iso de traballar en familia responde: «Non hai ningunha dúbida de que cremos que a empresa familiar ten unhas características completamente diferentes ás de outros grupos empresariais onde existe unha xerarquía máis marcada e hai menos contacto». Pero é consciente de que calquera das dúas fórmulas de negocio teñen as súas vantaxes e os seus inconvenientes. «Nós podemos destacar da nosa empresa o compromiso e a entrega que vertemos nela e que puido suplir deficiencias doutro tipo nalgunhas etapas», expón o terceiro home que se pon ó cargo da Empresa Montañesa, situada en O Carballiño.

O primeiro foi Ramón Carballeda Vázquez (1905-1979) que con 22 anos mercou unha Dodge de dezaseis prazas que amortizou transportando viaxeiros entre Doade e Carballiño. E sen sabelo, aquel primeiro coche de liña -como se chamaba antes ós vehículos de percorrido regular- reportoulle tamén ó amor da súa vida, Lucinda Pérez, coa que casou e tivo sete fillos. Era a descendente dos propietarios dun mesón no que Ramón paraba ás veces para comer e descansar. Pero dende aqueles comezos ata o presente, todo mudou. «Eu lembro cando funcionabamos con carbón e con carozos das espigas do millo. Despois da Guerra Civil a gasolina estaba racionada e había que buscar alternativas, pero tardábase moitísimo máis. De Carballiño a Doade, que hai 35 quilómetros, igual tardabas tres horas porque aquilo funcionaba como podía. Con sorte dábanche dous litros de gasolina ó mes e tiñas que amañarte ou con eses inventos ou comprándoa de estraperlo. Tampouco atopábanse rodas sinxelamente. Unhas eran máis grandes ca outras», lembra un dos sete fillos do matrimonio que leva o nome do seu pai, Ramón Carballeda (á dereita na imaxe). «Pero non só cambiaron os vehículos e os combustibles, tamén cambiaron as vías para desprazarse. No seu momento entrañaban moita dificultade. Nos primeiros anos eu acompañaba o meu avó ou o meu pai para arranxar as fochancas que había nas estradas e poder continuar», apunta Manuel Carballeda (a esquerda na imaxe), terceira xeración e descendente do segundo Ramón.

E falar con eles supón lembrar cousas que un nin era consciente que sabía. Estar diante dunha especie de antoloxía vivente do viaxar por carreteira ou dunha parte da memoria colectiva dos últimos noventa anos deste país. Centos de historias pretéritas que van lembrando ó mesmo ritmo que aconteceron naqueles anos. «Ó mellor, de Doade aquí pinchabas as rodas tres ou catro veces porque as carreteiras eran de pedra, non de asfalto. Entón parcheábanse as rodas moitas veces para poder facer o servizo co que te habías comprometido. E o combustible era caro e os viaxeiros poucos, entón ás veces a camisa non daba para a lavadura, como diría o outro», rememora Ramón dende a nave da empresa en O Carballiño.

En 1979 finou o creador do negocio familiar, e a partir de entonces a empresa pasou de ser familiar a constituírse como sociedade anónima, no 1982, e sociedade limitada dez anos máis tarde. Sen embargo, á fronte sempre houbo alguén da estirpe para adaptarse ás paulatinas reconversións que dende os anos oitenta producíronse no sector e na sociedade. Manuel pode facer un retrato da sociedade a través dos pasaxeiros que subiron e baixaron dos autobuses. «Naqueles anos de escaseza algunhas señoras quedábanse de pé no medio do autobús para que non puidera cobrarlle os que se sentaban da metade para atrás -narra- e iso hoxe en día non ocorre porque o poder adquisitivo da xente, por sorte, tamén evolucionou e daquela picardía que brotaba da necesidade queda pouco».

Ampliando fronteiras

Teñen servizo regular -suxeito a liña, calendario e horario- e servizo discrecional -por aluguer doutras empresas ou asociacións- para rutas nacionais. «Facemos tamén transporte internacional regular pero en réxime de contratación, é dicir, igual unha empresa ten a concesión dunha liña e contrátanos a nós para que lla fagamos», engade Manuel facendo un breve resumo da historia da empresa.

Os primeiros pasos no transporte internacional foron no ano 1979, aínda que naquela época só se facía en datas sinaladas do almanaque como Nadal, Semana Santa ou vacacións de verán. Sen embargo, dende 1991 as viaxes polo vello continente son semanais cunha frecuencia de tres días: martes, xoves e sábado. «Agora mesmo estamos prestando un servizo entre Braga e Hamburgo, atravesando case toda España, Francia, Bélxica e Alemaña». E por outra banda ofertan a posibilidade de alugar autobuses para eventos -algo cada vez máis común en vodas e despedidas de solteiros- ou excursións escolares. «Ó principio os clientes eran emigrantes, pero na actualidade tamén hai estudantes, turistas e inmigrantes ou refuxiados que empregan esta ruta e outras para poder moverse por Europa», finaliza completando o relato dos tempos vividos.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

Antoloxía vivente do viaxar