As Xociviga fan un percorrido polo exilio e a emigración

La Voz

O CARBALLIÑO

xmr

A mostra «Retratos documentados», de José Luis Abalo, inclúe fotografías dos referentes culturais

01 ago 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

As Xociviga comezaron onte as súas actividades, logo do pase especial de homenaxe a Fernando Rey do domingo, e fixéronno coa inauguración da mostra «Retratos documentados», de José Luis Abalo. Comisariada por Xosé Enrique Acuña, a exposición amosa unha selección do traballo realizado por Abalo na súa colaboración cos documentais que realizou Xan Leira sobre persoeiros galegos e exiliados. Na mostra figuran 25 imaxes e no catálogo aparecen os 58 persoeiros que foron seleccionados para «Retratos documentados». Xunto a Abalo e Acuña participaron na inauguración do proxecto, creado expresamente para as Xociviga, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o alcalde do Carballiño, Francisco Fumega. Na exposición que se poderá ver durante as Xornadas figuran persoeiros que marcaron a historia da cultura galega no pasado século. Entre outros figuran Isaac Díaz Pardo, Xosé Neira Vilas, Xaime Illa Couto, Fernández del Riego, Lois Tobío, Avelino Pousa Antelo, Antón Fraguas e Teresa Castelao. Valentín García salientou a importancia dos persoeiros incluidos na mesma e o seu papel na cultura, na lingua e na actividade da Galicia exterior e Abalo referiuse ao privilexio que supuxo para el traballar coa xente á que retratou.

 

Mariño e proxeccións

A xornada de hoxe inclúe a presentación do libro sobre a actriz Mercedes Mariño e o pase de «Locas de alegría», «Contando a Carlos Casares», «Abel Sánchez» e «Un home chamado Ove».