Fidel Castro no Carballiño

Xosé M. Rodríguez ANACOS

O CARBALLIÑO

01 dic 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

velocidade e a falta de tempo para pararse a cavilar nas cousas nesta nova sociedade hiperconectada fai que rematemos por crear unha realidade que, por veces, non deixa de ser virtual. A presenza de dous referentes da historia e a política do Carballiño fan que se estea a crear un novo episodio de realismo máxico que xa hai días que camiña polos medios de comunicación e polas redes sociais. E non é outro que o que fala da visita de Fidel Castro ao Carballiño.

O cubano fillo dun emigrante galego nunca estivo na vila, por máis que apareza nun bo feixe de fotografías xunto a unha caldeira de polbo e a carón do exalcalde do Carballiño Argimiro Marnotes. Algunhas imaxes corresponden á unha das visitas de Fraga a Cuba, como na que se ve ao carballiñés entregándolle unha bulsa con pratos de madeira para servir o polbo, e daquela Marnotes e o polbeiro Camilo «Ruzo» viaxaron á illa na comitiva oficial. Fidel Castro gostou do traballo dos polbeiros de Arcos, e alá lle deixaron unha caldeira de cobre, tesoiras e outros materiais para que se puxesen os cubanos ao chollo. O finado Pepe Carreiro, amigo e home bo e xeneroso, mandou a súa excelente augardente para facer as queimadas en Cuba. Ofrecéronlle ir, mais arrepuíñaballe voar. Tiña pendurado no salón o diploma de agradecemento que viñera da Habana.

Logo voltaron ter protagonismo na visita de Castro a Galicia, a famosa na que foi coñecer a casa do seu pai en Láncara. Outra volta foron chamados os do Carballiño para preparar o polbo, e a ese novo encontro corresponde outras das imaxes. Mais non, Fidel nunca estivo na vila.