A Federación de Casas Rexionais catalá promocionará a Festa do Polbo do Carballiño

La Voz OURENSE / LA VOZ

O CARBALLIÑO

Francisco Fumega e Manuel Dacal participaron no encontro destes colectivos celebrado na cidade de Lleida

16 nov 2016 . Actualizado a las 22:34 h.

O Centro Galego de Lleida e a Federación de Casas Rexionais, entidade que acolle a outras representacións autonómicas ademais da galega, promocionarán a Festa do Polbo do Carballiño na provincia e en Cataluña. Unha representación co Concello ourensán, integrada polo alcalde e o concelleiro de Turismo, viaxou a fin de semana a Lleida para participar no programa de actividades do colectivo galego e o rexedor carballiñés, Francisco Fumega, foi o encargado de impartir unha conferencia sobre a festa gastronómica, a súa historia e os proxectos vencellados á mesma. Entre outros a aposta que se está a facer para conseguir a declaración de festa de interese turístico internacional. Segundo sinalou na súa intervención, acadar a distinción «suporía un salto cualitativo moi importante e unha maior repercusión».

Na súa ponencia Fumega Piñeiro tamén se referiu aos recursos turísticos do Carballiño e da súa comarca, salientando o potencial termal e os proxectos de modernización das instalacións que se están a desenvolver. A comitiva carballiñesa participou nun percorrido pola cidade e os seus espazos públicos e monumentais máis destacados. O presidente do Centro Galego de Lleida, Xosé Terceiro, e outros membros da súa directiva exerceron de anfitrións. No Concello de Lleida foron recibidos polo tenente alcalde, Joan Gómez, e o concelleiro de Infraestruturas, José Domínguez. Francisco Fumega e Manuel Dacal convidaron aos representantes do Centro Galego e o Ajuntament de Lleida a participar na próxima edición da Festa do Polbo.

Diversas comunidades

Os representantes do Carballiño participaron na cidade catalá nas Xornadas Culturais da Federación de Casas Rexionais, coincidindo cos trinta e cinco anos de existencia desta entidade, e no encontro estiveron os presidentes das casas rexionais de Aragón, Castela-León, Extremadura, Cantabria e Andalucía. A presenza de Francisco Fumega para dar a coñecer a Festa do Polbo -en Lleida celébrana dende hai anos- serviu para conseguir o compromiso de espallar a cita gastronómica carballiñesa dende as casas rexionais e colectivos participantes no encontro. A Festa do Polbo do Carballiño, unha das citas gastronómicas máis importantes de Galicia, celébrase o segundo domingo de agosto. No 2017 celebrará os seus cincuenta e cinco anos de historia e dende hai tempo organízanse actividades vencelladas á cita dende días antes.