O Fetega levará oito obras de teatro en galego a O Carballiño

La Voz O BARCO

O CARBALLIÑO

Santi M. Amil

O festival será entre os días 6 e 9 de setembro, e as funcións repartiranse entre o anfiteatro e o auditorio municipal

25 ago 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O Carballiño prepárase xa para o Festival de Teatro Galego (Fetega) que achegará á localidade oito obras feitas no país e que buscan achegar as artes escénicas a todas as idades. Na procura de gustar a todos os públicos, escolléronse os espectáculos, que se repartirán entre o anfiteatro e o auditorio municipal.

No anfiteatro as funcións serán ás oito da tarde. Abrirá o día 6 Pistacatro Produtora de Soños con Encontros. Ao día seguinte será o momento de Ghiriso: The King of the circus, da compañía Desatronauts. O día 7 voltará Pistacatro, esta vez coa obra Trasno; e pechará o ciclo Traspediante con Up2Down.

Na quenda das 22.30 horas, os espectáculos trasladaranse ao auditorio municipal. «Nesta ocasión o festival aposta por unhas obras de luxo», defende Josi Lage, a directora do Fetega. Na xornada inaugural a proposta escollida é Ensaio sobre a cegueira, de Sarabela Teatro, obra con sete nominacións aos premios María Casares. O día 7 Teatro de Ningures alzará a voz contra os malos tratos en Unhas poucas picadelas. O xoves 8 subirá a escena Teatro do Morcego con Nosa señora das nubes; e pechará Eme2 con Monólogo do imbécil. Ese día, a función dará paso á gala final, que estará presentada pola actriz Isabel Blanco.

Actividades paralelas

Ademais das funcións, o festival inclúe unha conferencia sobre O papel da muller no teatro (o día 5) e obradoiros e teatro de rúa (desde o martes 6 ata o venres 9). Como novidade, este ano creouse un espectáculo en exclusiva, o Autobús Clown.

«O Fetega é un festival de galegos para galegos, que procura pór en valor a inmensa calidade dos actores, actrices, directores e traballadores en xeral do sector das artes escénicas na nosa comunidade», defende Lage.