«A paralización do proxecto do Museo do Papel de Galicia é un disgusto serio»

xosé manoel rodríguez OURENSE / LA VOZ

O CARBALLIÑO

VÍTOR MEJUTO

A súa proposta para a reforma do Gran Balneario do Carballiño está pendente do dictame de Patrimonio

31 jul 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Manuel Gallego Jorreto (O Carballiño, 1936) está a vivir unha etapa da súa vida na que ten asumido un protagonismo ao que non estaba acostumado. Máis ben, e para facer honor á verdade, nunca foi o seu e sempre desenvolveu unha carreira profesional alonxada dos actos sociais e dos compromisos públicos. Algo que cadra coa súa personalidade, xa que en máis de medio século de proxectos e docencia sempre se posicionou en contra da arquitectura como espectáculo e a favor da que definiu como «a arquitectura silenciosa», esa que debe ser o máis profunda e clara posible: «Se clara é radical, pois radical, pero o máis silenciosa posible». Hai pouco a Fundación Barrie adicoulle unha antolóxica e na Galería Vilaseco asinou a mostra 12 Miradas. Riverside, e á súa longa lista de premios e galardóns engadiu hai uns días a Medalla de Ouro de Galicia.

-¿É unha impresión errónea ou agora prodígase máis que antes?

-Sempre fixen proxectos e iniciativas destas, o que pasa é que ao mellor antes non se lle prestaba tanta atención. Ou tamén é porque son vello, ou por outras cousas. ¿Que sei eu?. En todo caso tampouco me poño a cavilar ao que é debido. Será un pouco todo.

-Recibiu a Medalla de Ouro de Galicia. ¿Xa se vai afacendo aos premios?

-Quedas sorprendido e pensas ‘¿Estes non se terán trabucado?’ É unha cousa moi seria e, obviamente, se agradece. E como non o buscas, ao pasar o momento xa estás pensando noutras cousas, no día a día.

-Máis de medio século de carreira dá para moito.

-(Ri). Cincuenta anos é unha vida. Dá para todo; para traballar, para alegrarse, para cabrearse, para esquencerse... para o que se queira e moito máis.

-A pesares da relación co Carballiño e Ourense a verdade é que non asinou moitas intervencións na provincia.

-Non sabe a alegría que me dan cando me piden que me prodigue, pero non hai maneira. Boeno, para ser xustos teño que dicir que ultimamente si que fixen algunhas actuacións por Ourense, cousa que non tiña feito na miña vida.

-¿No caso da fábrica do papel do Carballiño veremos algún día rematado o proxecto?

-Iso para min é un disgusto serio. Aínda non perdo a esperanza -mentras hai vida hai esperanza- pero era unha ilusión porque o proxecto creo que estaba ben. Un é moi crítico co que fai, pero penso que non estaba nada mal, e non porque o diga eu senón polo que me dixeron quenes viron a proposta.

-¿Perderase daquela o que ía ser un referente autonómico, o Museo do Papel de Galicia?

-Este tipo de proxectos son de relevancia para Galicia, independentemente de onde se implanten. No caso do Carballiño porque ten un parque impresionante, unha marabilla, e non hai nada igual en toda a comunidade e o museo era máis que un centro expositivo, era unha forma de interpretar o novo espazo rural e de protección do río Arenteiro. Estaba ligado a todo iso. E logo era o Museo do Papel de Galicia, e esas cousas son de todos. Foi un proxecto que me costou desenvolver, pero quedei contento e foi un traballo moi importante na miña vida profesional.

-¿Como no caso de Palacios e a Veracruz, salvando as diferenzas, cre que de facerse será un espazo de interese para o país?

-Un non pode dicir iso porque é unha pedantería. E non é falsa modestia, é que non se sabe como saen as cousas ata rematalas. Aínda que lle podo dicir algo: se o fago vou estar loitando por el dende o principio ata o final. E casi me atrevo a asegurar que era un proxecto excelente, e que non estaría mal no Carballiño ou en calquera sitio de Galicia.

-¿Tamén vai facer a ampliación do balneario carballiñés?

-É certo. Vai ser unha actuación moi respetuosa. Porque ademais teño que recoñecer que o edificio actual gústame moito. Aínda que foi tocado e retocado, a veces non para ben, aínda lle queda moita calidade e o parque está moi ben. Hai que arranxar cousas e adaptalo á situación actual pero é un espazo moi atractivo.

-¿En que consistirá a súa intervención?

-Prantexei a forma de ordear e estruturar unhas bañeiras, piscinas, debaixo das árbores. Irán en forma de pequenos diques. Logo unha cafetería restaurante. E para esas bañeiras uns vestiarios. E ademáis haberá unha piscina con auga medicinal, cuberta, e uns servizos para a mesma. Todo isto sen alterar ou cortar apenas árbores e respetando o edificio actual ao máximo. Agora hai que agardar o dictame de Patrimonio ao respecto.