As Xociviga abrirán as súas actividades conmemorando o centenario de «Miss Ledyia»

La Voz OURENSE / LA VOZ

O CARBALLIÑO

Na película de 1916, dirixida por José Gil, participou como actor o político galeguista Alfonso R. Castelao

14 jul 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O ano 1916 marcou un fito histórico no cine galego. Ese ano estreábase a película Miss Ledyia, a que está considerada como a primeira película de ficción galega. Unha conmemoración, a do centenario, que se acaba de celebrar co pase do material restaurado e cunha recuperación de toda a documentación referida a aquel proxecto. Unha iniciativa que tamén fixo fincapé no seu director, o pioneiro do cine e da fotografía José Gil.

Precisamente Miss Ledyia é o titulo elexido pola organización das Xociciga 2016 para comezar a súa programación. A película proxectarase o día 25, data de apertura do certame audiovisual do Carballiño, e para facer realidade esta celebración o Concello conta coa colaboración da Deputación de Ourense, o Centro Galego das Artes da Imaxe (CGAI) e a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadir). Os dous organismos vencellados á Xunta de Galicia foron os encargados de ceder a película para que se poda pasar nas Xornadas. Orixinariamente, a cinta estreouse o 3 de marzo de 1916 no Teatro Principal de Pontevedra.

A película conta as peripecias de «Miss Ledyia, sobriña do multimillonario Míster Kazton, ambos de viaxe por Galicia, que rematará atrancando os plans do anarquista Ruskin, de atentar contra dos reis de Suavia, de estadía de incógnito no Gran Balneario da illa de A Toxa». A cinta foi rodada nos arredores de Pontevedra e no balneario de A Toxae conta cunha duración de vinte minutos.

Ademais de ser o primeiro filme de ficción galego, Miss Ledyia conta co valor engadido da participación do político galeguista Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, Na película fai un pequeno papel representando a un pastor protestante.

Agrupación Musical da Limia

Para o pase da película na Praza Maior do Carballiño contarase coa Agrupación Musical da Limia. A formación será a encargada de interpretar en directo diversos temas para acompañar a proxección da cinta de José Gil e aportar a banda sonora a unha película da etapa do cine mudo.